O Nuncio falou na xornada de clausura do Congreso de Acollida Cristiá no Camiño sobre os retos pastorais da Igrexa española

. O bispo auxiliar, monseñor Francisco J. Prieto, dixo que trala dura proba da pandemia, haberá que superar “rutinas que paralizan e discursos que desgastan os ánimos e pechan os oídos do corazón”

O Nuncio da súa Santidade, monseñor Bernardito Auza, participou este pasado sábado na sesión de clausura do IX Congreso de Acollida Cristiá no Camiño, pronunciando unha conferencia sobre Retos pastorais da Igrexa en España. As conclusións do encontro foron glosadas polo delegado de Peregrinacións, Segundo L. Pérez López. E no peche dos traballos estivo presente o deán da Catedral, José Fernández Lago, así como Ildefonso de La Campa Montenegro, Director de administración e relacións coas asociacións de amigos do Camiño de Santiago. S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

As últimas palabras correron a cargo do bispo auxiliar de Compostela, monseñor Francisco José Prieto Fernández, quen evocou cal era a situación da cidade e a peregrinación ao comezar a residir en Santiago tras a súa ordenación episcopal: “Vía”, dixo, “unhas rúas habitadas polo baleiro e o silencio. Aos poucos, as pisadas dos peregrinos comezaron a sentirse chegar e as súas preguntas sorprendíanme ao interrogarme pola Porta Santa ou o acceso á Catedral. Axiña fun consciente dun Camiño que ten Meta: a cripta na que se veneran os restos de Santiago o Zebedeo. Unha meta de espazo e tempo desde a que o Apóstolo nos invita a unha Meta cuxo nome é Cristo, ao que se atopa ao percorrer os camiños da historia e da vida dos homes”.

O bispo auxiliar indicou na súa intervención que a esperanza, segundo explicaba Bieto XVI na súa encíclica Spe Salvi, en sentido cristián é “sempre esperanza para os demais. E é esperanza activa, coa cal loitamos para que as cousas non acaben nun «final perverso». Don Francisco explicou que “as plabras do papa Bieito sitúan a esperanza nun dobre horizonte, no de Deus, na apertura á transcendencia; e nos outros”. De aí, segundo monseñor Prieto, que debamos “aprender a tecer entre todos os fíos invisibles do encontro, do acompañamento, da acollida, da proximidade e da solidariedade”.

Don Francisco comentou que, tras a dura proba da pandemia, haberá que superar “rutinas que paralizan e discursos que desgastan os ánimos e pechan os oídos do corazón. Son tempos de oportunidade e de compromiso, de poñerse ao choio: aprender a gramática da simplicidade, e non instalarnos no reino da retórica, acoller o ritmo da espera, acompañar os afectados por esta dura crise sanitaria e social, recuperar as entrañas de misericordia, seguir hospedando o peregrino”.

“Todos temos por diante, como don e tarefa, un reto e unha oportunidade que non podemos desaproveitar, co convencimento de que temos algo valioso que ofrecer, porque a nosa esperanza está posta en Cristo”, apuntou o bispo auxiliar, quen animou a todos cantos traballan na Acollida Cristiá no Camiño a recordar que «estamos chamados a ser persoas-cántaros para dar de beber aos demais, persoas de fe que, coa súa propia vida, indiquen o camiño cara á Terra prometida e desta forma manteñan viva a esperanza» (EG 86)”.