O bispo auxiliar presidiu a Permanente de Cáritas Diocesana

. “Compartides a realidade viva para achegar a axuda aos máis descartados sen perder de vista o horizonte de Cáritas” (Monseñor Prieto Fernández)

O bispo auxiliar de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández, presidiu a reunión da Permanente de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela. Na sesión de traballo, desenvolvida de modo presencial e respectando as medidas sanitarias en vigor, entre os temas aprobados destacan as obras para as novas dependencias dos Servizos Xerais, situadas na rúa Carretas de Santiago; a apertura dunha Campaña de axuda especial para Haití; as realizacións levadas a cabo polo departamento de Emprego e Formación; o novo programa que se pon en marcha a través de Vagalume, denominado Agarimo, para a área psicofamiliar, e un proxecto de cooperación internacional.

A sesión de traballo iniciouse cunha reflexión a cargo de Jesús García Vázquez, delegado episcopal, na que recordou que o concepto da fraternidad “vai máis aló da solidariedade, xa que nos remite a un Deus Pai de todos, somos irmáns porque temos un mesmo Pai. A relación con Deus esixe unha correcta relación  co prójimo”

Agradecemento

Na súa intervención monseñor Prieto Fernández agradeceu aos integrantes de Cáritas o traballo que desenvolven nestas épocas tan difíciles nas que “compartides a realidade viva para achegar a axuda  aos máis descartados sen perder de vista o horizonte de Cáritas que está dirixido de xeito fundamental ao acompañamento a estas persoas”.

Animou os integrantes da Permanente a seguir traballando polos máis desfavorecidos, polos últimos da sociedade. Insistiu en que ao longo dos meses que leva na diocese vai coñecendo a realidade de Cáritas a nivel diocesano, interparroquial e parroquial. “Co voso traballo -sinalou-estades recoñecendo o rostro das persoas máis desfavorecidas aos que convertedes no próximo en cada momento”.

Servizos Xerais

Foron aprobadas as obras que se realizan na nova sé dos Servizos Xerais, que se sitúa na rúa Carretas de Santiago e que consta de 350 metros cadrados. A inauguración terá lugar o día 24 de setembro no transcurso dun acto que presidirá o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e cuxas dependencias bendicirá o arzobispo de Santiago, monseñor Julián Barrio.

A permanente aprobou a compra dun local en Vilagarcía para instalar nel os servizos de Cáritas Arousa. Ao mesmo tempo deu o visto bo para os convenios asinados co Concello de Santiago, destinados á atención social, e a entrada en funcionamento do Economato de Cáritas Noia

Axuda familiar

As demandas cara á área psicofamiliar han ir cambiando nos últimos tempos tanto polo perfil das persoas como polas necesidades suscitadas polas mesmas, por este motivo, desde Vagalume ofértase un novo espazo que atenda a estas familias “sen estar cinguidos única e exclusivamente ao perfil de vítimas de Trata ou contextos de prostitución, favorecendo con iso una máis ampla e mellor integración”.

Trátase dun lugar de intervención psico-socio- educativo e terapéutico para as familias e vai dirixido ás que se atopen en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social e vexan afectada a súa integración, ou que necesiten acompañamento no desenvolvemento físico, emocional e cognitivo dos seus fillos.

A programación ofrece unha serie de actuacións que se poden circunscribir nas seguintes: Acompañamento familiar e socioeducativo; orientación e asesoramento psico-socio-familiar e para a inclusión social; atención psicoeducativa ; apoio escolar e reforzo educativo, e obradodiros socioeducativos

Campaña de axuda a Haití

Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela puxo en marcha unha Campaña de recollida de fondos destinados a Hití ,  cunha achega inicial de 5.000 euros .”Non podemos ser alleos á dura realidade que viven tantos irmáns nosos do pobo haitiano nesta situación de dificultade e incerteza”, sinálase no escrito aprobado pola entidade. Quen desexe realizar unha achega económica pode facelo mediante transferencia bancaria co concepto de Axuda terremoto Haití 2021 a través das seguintes entidades bancarias:

– ABANCA » ES18 2080 0319 6030 4000 8096

– SANTANDER » ES44 0049 2584 9210 1001 7670

– SABADELL » ES21 0081 2130 4300 0103 7210

Cooperación internacional

As Franciscanas Misioneiras da Nai do Divino Pastor están realizando un proxecto titulado “O amor cura” , na cidade de Boa Vista de Brasil destinado a 150 familias co obxectivo de protexer os menores dos riscos que conleva vivir en situación de rúa. A iniciativa persegue cubrir as necesidades básicas de alimentación, saúde, hixiene e aloxamento das familias migrantes máis vulnerables.

Na petición de axuda cursada remárcase a situación de urxencia humanitaria na fronteira entre Brasil e Venezuela, á que desde 2016 chegan de media 900 persoas ao día fuxindo da miseria e a persecución política.

Cáritas Diocesana acordou aprobar a solicitude económica para facer fronte ao mencionado proxecto que se enmarca, por parte da entidade, na cooperación internacional que leva cabo.

Formación e emprego

Ata o mes de agosto practicáronse un total de 437 atencións directas por parte do equipo de Emprego e Formación, das que 110 traducíronse en insercións laborais. Este departamento impartiu un total de 9 cursos de formación ocupacional aos que asistiron 183 persoas, e outros tantos obradoiros de formación prelaboral nos que participaron 70 persoas.

Finalmente foi presentado o informe económico dos seis primeiros meses do ano que, segundo o administrador da entidade, arroxa un saldo positivo tendo en conta, matizou, que se produciu un aumento de socios e doantes, así como de herdanzas e legados.