O sábado 28 de xaneiro tivo lugar en Madrid a Asemblea da Conferencia Episcopal Española, dentro da etapa continental do Sínodo sobre a sinodalidade. O arcebispo de Santiago de Compostela, mons. Julián Barrio, e o vicedelegado de apostolado seglar da Diocese, Alfredo Losada, participaron neste encontro.
A destacar dous saúdos iniciais, que en calquera outra ocasión poderían pasar desapercibidos, pero que polo seu ardor evanxélico e a súa paixón soaron a impulso misioneiro.
O cardeal Omella resaltou o momento histórico apaixonante do sínodo convocado polo papa Francisco, facendo unha similitude entre o proceso sinodal iniciado e o Camiño de Santiago, coa alegría de camiñar xuntos, pero ao mesmo tempo resulta custoso.
O presidente da CEE insistiu en que o Espírito Santo é como o pegamento que nos une, e que nos fai axentes de comuñón, e aínda que hai resistencias e voces contrarias, as voces non afunden, non pode afundirse Xesús no lago do mundo.
Así mesmo, mostrou unha adhesión plena e manifesta a camiñar co sucesor de Pedro.
Tamén monseñor Luís Marín, subsecretario da secretaria do Sínodo, chamou a atención sobre o tempo de esperanza que vivimos, sendo a sinodalidade un proceso cara á coherencia como cristiáns e un impulso á misión.
Animou a recuperar a fraternidade cristiá, que emana do bautismo, e que o insulto, a agresividade e o desprezo atentan contra a comuñón, por ese motivo pódese afirmar que a revolución pendente na Igrexa é a do amor, concluíndo co imperativo: sede valentes, sede xenerosos.
Posteriormente, laicos do equipo sinodal da CEE presentaron un documento de síntese para a etapa continental europea, froito das sínteses enviadas por case todas as Dioceses españolas.
Alfredo Losada