Foro sobre cidades que coidan e compasivas, no Colexio de Médicos de A Coruña

A sede do Colexio Oficial de Médicos da Coruña acolleu este luns 15 de abril un foro sobre as cidades que coidan, as cidades compasivas que tratan de impulsar desde esta entidade e desde o Arcebispado de Santiago, promotores da iniciativa.
Ao longo da tarde, varios profesionais ofreceron os seus puntos de vista sobre este tema tan importante co fin de promover un cambio estrutural na sociedade. A soidade non desexada é un reto moi serio que xa debe ser abordado como un problema social e de saúde pública.
Ás 16.00 horas inaugurouse o evento coa participación do Arcebispo de Santiago, mons. Francisco Prieto e do presidente do Colexio de Médicos da Coruña, Luciano Vidán Martínez. O acto continuou con José Ramón Amor Pan, do Observatorio de Bioética e Ciencia da Fundación Paulo VI Madrid, que falou sobre o coidado como valor político.
Posteriormente, a médica Montse Pérez García falou sobre o proxecto Bidasoa Zurekin Comarca Compasiva, unha entidade que nace para acompañar as persoas que sofren unha enfermidade moi avanzada no seu proceso cara á morte.
Na segunda parte da tarde, o médico Fernando Lamelo abordou a hospitalización a domicilio, coidados paliativos e apoio asistencial en residencias do Chuac, para concluír coa oncóloga Elia Martínez, que falou sobre “a compaixón no coidado”.
Ao finalizar o encontro, o arcebispo de Santiago asinou no libro de honra do Colexio de Médicos da Coruña.