Francisco José Prieto, próximo bispo auxiliar de Santiago, despídese da súa diocese de Ourense

  • Monseñor Lemos Montanet presidiu unha Misa de Acción de grazas na catedral ourensá

Cristina Rodríguez/Ourense

O mércores 7 de abril a Catedral de Ourense acollía unha Misa de Acción de Grazas polos case 30 anos de vida sacerdotal na nosa Diocese de D. Francisco J. Prieto, quen será ordenado o sábado Bispo Auxiliar de Santiago de Compostela. Neste acto estivo arroupado polo clero diocesano coa presenza de preto dun centenar de sacerdotes, ademais de religosas e religosos, os traballadores do Bispado, numerosos seglares que quixeron mostrarlle o seu agarimo e, por suposto, os seus familiares.

Monseñor Prieto aproveitaba a ocasión para agradecer el mesmo “ao Señor onde nacín e crecín na fe e onde recibín o fermoso don do sacerdocio”. “Agradezo”, dixo, “todo o compartido e todo o vivido neste camiño feito xunto durante estes anos”. Tivo unhas palabas especiais para a parroquia de San Pío X, da que se despediu xa o domingo nunha celebración moi emotiva. “Só podo agradecer todo o que recibo e comprometerme a compartilo. Emoción, alegría, gozo… certa tristeza por deixar a miña terra, pero sabendo que os camiños do Señor ábrense cara a outros horizontes. Se algo ten a Igrexa é que é aberta, universal, e así asumo este novo ministerio ao que a Iglesia chamoume: dando grazas”.

Na súa homilía, Monseñor Lemos Montanet, quen presidía a celebración, destacaba a entrega e a valiosísima labor realizado durante tantos anos nos distintos cargos que o Bispo auxiliar electo de Santiago de Compostela desempeñou na nosa Diocese. Tras a profesión de fe e o xuramento de fidelidade de Monseñor Prieto, o Bispo de Ourense fíxolle entrega dun báculo, agasallo dos seus compañeiros sacerdotes, coa imaxe do Santo Cristo de Ourense e de San Francisco de Asís, como patrón do novo Bispo.

O sábado 10 de abril ás 11:00 horas celebrarase na Catedral compostelá a Ordenación episcopal do ata o de agora Vicario para a Nova Evangelización da Diocese de Ourense, D. Francisco José Prieto Fernández, como Bispo Auxiliar de Santiago de Compostela. A CELEBRACIÓN DA ORDENACIÓN EPISCOPAL O SÁBADO Ás 11:00 HORAS RETRANSMITIRASE EN DIRECTO POR 13TV.