Inauguración de «Hospitalitas. A graza do encontro»

Este mércores 19 de xuño, o Arcebispo de Santiago, Monseñor Francisco Prieto, inauguraba a XXVII edición das Idades do Home, na súa sede de Santiago de Compostela. Baixo o título de «Hospitalitas. A graza do encontro», a exposición poderá visitarse ata o próximo mes de novembro, na cripta do Pórtico da Gloria da catedral e no mosteiro de San Martín Pinario.
Esta edición das Idades foi organizada en dúas sedes, de maneira que, á de Villafranca del Bierzo, inaugurada hai unha semana, únese agora a de Santiago.
O acto de inauguración contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, do presidente da Junta de Castilla y León, Alfonso Fernández Mañueco e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. Tamén estivo presente Monseñor Mario Iceta, Arcebispo de Burgos, como representante do padroado da Fundación As Idades do Home.
A exposición que poderá visitarse na sede de Santiago de Compostela ten como punto de partida o concepto da hospitalidade, elemento presente desde os seus inicios na peregrinación xacobea. O Códice Calixtino sinala, no seu libro V, que «todos deben acoller con respecto e caridade os peregrinos, xa sexan ricos ou pobres, que van ou volven do lugar de Santiago, xa que quen os acolla con caridade terá como hóspede non só a Santiago, senón tamén o Señor, como ben din as palabras de Xesús no Evanxeo: «Quen vos acolle a vós, acólleme a min»”.
A mostra desenvólvese en nove ámbitos, iniciando na cripta do Pórtico da Gloria, na catedral, na que o visitante pode descubrir unha selección de imaxes de Santiago o Maior, como Apóstolo e como peregrino. O resto de ámbitos vanse sucedendo en diferentes espazos do Mosteiro de San Martiño Pinario. O relato expositivo detense nas iconografías de Santiago, as escenas propias da tradición xacobea e a importancia das peregrinacións no mundo cristián. Continúa mostrando a historia da catedral, como templo dos peregrinos, e os santos que peregrinaron a Compostela. A peregrinación a Santiago e a creación de estruturas de acollida, os ritos e costumes e os hospitais completan o relato. Finaliza o percorrido polos espazos dedicados ás ordes relixiosas e militares e ás catedrais que se foron conformando nas urbes dos Camiños a Santiago.
As Idades do Home é, hoxe en día, un dos proxectos máis emblemáticos en relación á posta en valor do patrimonio sacro de España. A súa orixe remóntase ata o ano 1988 e desde entón cóntanse vinte e seis edicións xa concluídas con máis de 5.200 obras expostas e máis de 12 millóns de visitantes.