Inaugurado en Compostela o VIII Congreso Mundial de Pastoral de Turismo

  • Expertos de máis de 25 países reúnense en San Martiño Pinario para “repensar o turismo” abordándoo desde o punto de vista pastoral
  • Monseñor Julián Barrio inaugurou o congreso, organizado polo Arcebispado de Santiago, o Dicasterio para o Servizo de Desenvolvemento Humano Integral e a Conferencia Episcopal Española
  • O arzobispo Rino Fisichella, prefecto do Dicasterio para a promoción da Nova Evanxelización, ofreceu o relatorio inaugural
Expertos procedentes de máis de vinte e cinco países de diferentes partes do mundo danse cita desde este mércores e ata o próximo día 8 en Compostela, convertida en eixo dos tres grandes centros de cristiandade: Santiago, Roma e Xerusalén, grazas á celebración do VIII Congreso Mundial de Pastoral de Turismo, que organizan conxuntamente o Arcebispado de Santiago de Compostela, o Dicasterio para o Servizo de Desenvolvemento Humano Integral e a Conferencia Episcopal Española, e que foi inaugurado na Hospedería de San Martiño Pinario coa presenza de máis de 200 persoas.
O arcebispo de Santiago, Monseñor Julián Barrio, no seu papel de anfitrión, foi o encargado de dar a benvida aos participantes no acto inaugural, que contou coa presenza de Monseñor Dariusz Giers, membro do Dicasterio para o Servizo ao Desenvolvemento Humano Integral da Santa Sé; Monseñor Ciríaco Benavente, responsable da Pastoral de Turismo da Conferencia Episcopal Española; Jacobo Bordignon, representante da Organización Mundial de Turismo; Blanca García-Señoráns, directora xeral de Relacións Institucionais da Xunta de Galicia; e Guimersindo Guinarte, concelleiro responsable de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo do Concello de Santiago de Compostela.
O Congreso Mundial de Pastoral de Turismo, exposto como un “lugar de encontro, de acollida e de reflexión”, celébrase en Compostela, “un fogar espazoso e de portas abertas, onde se veu dispensando polos séculos e séculos, sen discriminación algunha, o pan da perdonanza e da graza, e que quere “seguir sendo foco luminoso de vida cristiá, e reserva de enerxía apostólica para as nosas vías de evangelización”,  tal e como sinalou o arcebispo de Santiago.
Para monseñor Barrio o VIII Congreso Internacional de Turismo que se desenvolve esta semana co lema Turismo e Peregrinación. Camiños de Esperanza, é “un evento moi importante” por dous motivos fundamentais. “En primeiro lugar, o fenómeno do Turismo pode axudarnos a comprender ao que vén de lonxe porque ofrece a oportunidade de acoller, escoitar, dialogar e comprender” e por outra banda “a realidade das Peregrinacións que vive a nosa Arquidiocese, ten vocación de escola eficaz para ofrecer ao Turismo os valores de humanidade, encontro saudable e tamén espiritualidade”.
O arcebispo falou tamén na súa intervención do desexo de viaxar e coñecer outras realidades diferentes daquelas na que un desenvolve a súa vida como un desexo inherente á condición humana, explicando que “o peregrino é un viaxeiro do sacro e un transmisor de saberes” e que o Turismo é “un feito social, cultural e económico con diferentes facetas” .
“A Igrexa, sabendo que o home é o camiño que ten que percorrer, seguiu pastoralmente este fenómeno que ten as súas luces e as súas sombras” co obxectivo de “impregnar de sentido cristián esta dimensión humana”.
Lembrando as palabras de San Xoán Paulo II, Monseñor Barrio explicou que o Turismo é o modo de empregar o tempo libre e que debe contribuír a recuperar o déficit de humanidade. Unha reflexión que o levou a solicitar ao Dicasterio romano conxuntamente co Departamento de Turismo da Conferencia Episcopal Española que este VIII Congreso de Turismo se realizase en Compostela, “consciente das consecuencias positivas que podería ter relixiosa, cultural, social e economicamente e no contexto da celebración do Ano Santo Compostelán”.
Monseñor Barrio finalizou a súa intervención desexando que “o Apóstolo Santiago faga resoar desde aquí a esperanza para que o noso mundo sexa cada vez máis transparente ao Evanxeo e sexa lugar onde crezan a comuñón e a unidade, de forma que o rostro de Cristo resplandezca con todo o seu fulgor para a paz e o gozo de todos os habitantes dos distintos Continentes”.
Pola súa banda, os representantes dos organismos eclesiásticos organizadores destacaron a importancia do congreso que se celebra na capital galega dez anos despois do último, que tivo lugar en Cancún en 2012, e no que se poñerán en común pensamentos e reflexións sobre distintos aspectos do turismo, entre os que non faltarán aprender a utilizar ben o tempo libre, a necesidade de repensar o turismo tras o covid e a guerra de Ucraína,  facer que sexa máis sostible e respectuoso coa comunidade local, o patrimonio e a cultura, a  elaboración da teoloxía do descanso, ou o anti turismo a través da trata de persoas, a prostitución e as novas formas de escravitude ligadas a esta situación, tal e como adiantaron na súa presentación.
Tamén os representantes das institucións públicas, Blanca García-Señoráns, da Xunta de Galicia, e Guimersindo Guinarte, do Concello de Santiago falaron de turismo e peregrinacións nunha época de incerteza que obriga a reflexionar sobre ambos os fenómenos, e mostráronse agradecidos pola celebración deste Congreso Mundial en Compostela, meta da Rota Xacobea.
Os relatorios do Congreso arrincaron coa intervención do prefecto do Dicasterio para a Nova Evanxelización, Rino Fisichella, que foi o encargado de impartir a charla inaugural, baixo o título Desenvolver e fortalecer a arte do primeiro anuncio no mundo fugaz do turismo e a peregrinación: formas e contidos.