Javier Porro Martínez, novo Vigairo Episcopal de Pastoral da Diocese de Santiago de Compostela

O pasado luns 4 de setembro, o Arcebispo de Santiago de Compostela, Mons. Francisco José Prieto Fernández, fixo públicos os nomeamentos dos novos Vigairos Episcopais da Diocese de Santiago de Compostela. Un deles, Javier Porro Martínez, será Vigairo Episcopal de Pastoral. Tomará posesión do seu cargo o vindeiro xoves na Curia do Arcebispado de Santiago de Compostela.
Rostro coñecido na Diocese polas súas tarefas na Delegación de Pastoral de Mocidade e, actualmente, na de Apostolado Segrar, Javier Porro asume unha Vigairía da cal delinea unhas breves pinceladas nesta entrevista:

Que tal o nomeamento? Sorprendido? Ilusionado?

Cando o señor Arcebispo me chamou e me comunicou que quería nomearme Vigaito de Pastoral, a verdade é que me sorprendeu, non soamente porque pensase en min, senón sobre todo porque se trata dunha Vigairía de nova creación.

O Azobispo explicoume que o que el pretendía era coordinar un pouco o que é a Pastoral na Diocese. Recibino con moito agrado e con moita alegría, sobre todo tamén porque os meus compañeiros vigairos tamén son persoas que teñen experiencia de traballar en equipo, e iso deume moita esperanza.

Que se pretende cunha Vigairía de Pastoral?

A Vigairía de Pastoral vai coordinar a sacerdotes, relixiosos, relixiosas, laicos, homes e mulleres, nenos, mocidade, adultos, anciáns e familias. Isto non vai ser unha cousa na que teñamos unha receita máxica desde arriba, en que vaiamos levar a solución e a receita aos problemas pasados que temos. Se todos nos implicamos, nese todos tamén inclúo a mocidade, os matrimonios, as persoas viúvas, as familias, se todos nos implicamos, pois podemos ir avanzando, pero hai que traballar de maneira coordinada, en equipo, de maneira sinodal.

E eu creo que iso é ao que nos chama o Señor. O Señor enviábaos de dous en dous, prometía a súa presenza de tres en tres, e eu vexo que o punto de arrinque vai ser, por suposto, a familia. E a familia ten unha forza espectacular. E creo vai ser o gran axente evanxelizador da próxima década.
O obxectivo que ten a Vigairía de Pastoral é precisamente esa coordinación entre todo o que é a Pastoral da Diocese: as Delegacións, a Pastoral ordinaria das parroquias, grupos, movementos, asociacións laicais. Na nosa Diocese trabállase moito e moi ben desde hai moito tempo. Pero si que é certo que fai falta una certa coordinación. E non soamente iso, senón tamén abrir novas canles e novas vías.
O pasar, por exemplo, do que son parroquias como as temos agora cunha mentalidade cristiá, de comunidade cristiá, pero poida que un pouquiño pechada cara a dentro, a dar o paso cara a unhas parroquias de talante evanxelizador, por exemplo. E tamén impulsar novos proxectos de pastoral que poidan facer fronte ao que é o século vinte e un.

Haberá un novo Plan Pastoral Diocesano?

Persoalmente, sobre os Plans Pastorais diocesanos, eu son un pouquiño escéptico. Refírome a que fixemos plans marabillosos, en textos, en folletos, en libros, pero moitas veces quedou niso, en plans persoais no papel. Logo, o que nos custa pasalo á realidade…

Eu son máis ben un pouco de menos letra e un pouco máis de vida. Creo que o Plan Pastoral fundamental é Xesucristo, a misión da Igrexa é a evangelización e eu creo que o fundamental é centrarnos niso.
Logo, como imos levalo? Pois evidentemente haberá un Plan Pastoral. Pero quizais como o primeiro paso, antes de poñernos a facer cousas en papel, se cadra hai que facer un proceso de curación.
O que estou a detectar eu é que hai persoas, sacerdotes, laicos, comunidades, ordes relixiosas, movementos que ás veces están uns pouco feridos, feridos no pasado. Entón, antes de poñernos a construír algo novo, ou dar ou poñer obxectivos novos, igual haberá que facer unha curación de experiencias, da memoria. Todo iso, claro, ten que ser obra do Espírito Santo e ser conscientes de que esas feridas, se aínda cargamos con elas e están abertas, dificúltannos a abrirnos a algo novo, que é o que o Señor quere para nós. Por iso, quizais a miña intuición é que antes de empezar calquera Plan Pastoral, ás veces hai que sandar e curar por obra do Espírito Santo.