- José Ramón Amor Pan foi ordenado por mons. Francisco José Prieto na Igrexa de San Francisco (Betanzos).
- É o noveno diácono permanente da Diocese.
José Ramón Amor Pan foi ordenado por mons. Francisco José Prieto na Igrexa de San Francisco (Betanzos). É o noveno diácono permanente da Diocese. Hoxe sábado 10 de agosto, día no que a Igrexa celebra a San Lourenzo de Roma -mártir, patrón dos diáconos e un dos máis antigos martirios que están documentados-, a Igrexa de San Francisco (Betanzos) acolleu a Eucaristía de ordenación dun novo diácono permanente ao servizo da Igrexa que peregrina en Santiago de Compostela. Trátase de José Ramón Amor Pan, que foi ordenado mediante a imposición de mans e a oración consecratoria do pastor diocesano, mons. Francisco José Prieto Fernández. A cerimonia comezou ás 12:00 horas e, nela, Amor Pan selou un compromiso que o unirá para sempre á vida litúrxica, pastoral e caritativa da Diocese de Santiago.
O termo diácono etimolóxicamente provén da palabra grega “διακονία”, “diaconía”, que significa servizo. É dicir, que o diácono, unha vez que é ordenado, o seu principal labor é estar ao servizo da Igrexa, en concreto ao servizo dos outros dous graos do sacramento da orde sacerdotal: a orde episcopal (os Bispos) e a orde do presbiterado (os sacerdotes ou presbísteros). Neste sentido, o diácono permanente é un home comprometido coa comunidade e coa Santa Igrexa católica, misericordioso e respectuoso podendo estar casado ou solteiro.
O arcebispo de Santiago, acompañado dun nutrido número de sacerdotes e diáconos, lembrou na súa homilía que o ministerio que se lle encomendaba era ante todo unha misión de servizo: “servides como Cristo serviu e servides a Cristo nos irmáns”.
Mons. Prieto destacou que o servizo pide gastarse e desgastarse, no senso de que non é unha mera solidariedade, senón que é o servizo unha entrega dun mesmo, e de aí brotarán compromisos, proxectos, accións ou xestos: “servimos cando nos damos (…), servimos cando nos entregamos no que facemos (…), e o servizo facémolo en nome de Xesús”.
O arcebispo afirmou que “a diaconía é nota esencial na vida do cristián e hoxe será para ti sacramento, ministerio, entrega, a túa vida totalizada por ese servizo”. E engadiu que a diaconía é “convocatoria de todos e cada un de nós polo Señor, que nos chama como discípulos a servir como El serviu”.
D. Francisco tamén destacou que “servimos como Cristo e servimos a Cristo nos irmáns”, polo que para levar isto a cabo, é necesario nutrirse na Mesa do Altar. Pediu a José Ramón servir con gozo, con alegría, desde o xesto, desde a presenza gozosa.
José Ramón Amor Pan é tamén o delegado para o Desenvolvemento Humano e Integral. Afirma que “ser cristián é, ante todo, ser consciente de que, como bautizados, fomos convertidos en sacerdotes, profetas e reis, e que a nosa vida ten que resplandecer no medio do mundo como luz e ten que ser ese sal e ese fermento para que nos convoca o Señor”.
O novo diácono permanente valora como liñas fundamentais do seu servizo a atención aos enfermos, ás persoas con discapacidade, ás persoas migrantes, toda a cuestión da ecoloxía integral e, por suposto, todo o que ten que ver co ensino da doutrina social da Igrexa.
Amor Pan destaca a palabra virtude e dentro dela, sobre todo, a palabra fraternidade: “As nosas parroquias, os colexios católicos, as residencias de anciáns católicas, calquera das nosas institucións ten que fortalecer o sentido comunitario da vida humana”.
Coa ordenación de hoxe, son nove os diáconos permanentes da Arquidiocese de Santiago de Compostela.