A Igrexa en Santiago prepara xa o comezo da fase diocesana do próximo Sínodo dedicado á sinodalidade

  • . O itinerario comezará o próximo 17 de outubro coa celebración dunha asemblea e unha Eucaristía na Catedral presidida por monseñor Julián Barrio

    O bispo auxiliar, monseñor Francisco José Prieto, presidiu este mércores un encontro preparatorio da fase diocesana da XVI Asemblea Xeral Ordinaria do Sínodo dos Bispos: Por unha Igrexa sinodal: Comuñón, participación e misión. A reunión celebrouse na Casa Diocesana de Exercicios Espirituais como primeiro marco do proxecto inicial de traballo sinodal realizado antes de verán. No curso da sesión de traballo establecéronse as pautas a seguir no itinerario diocesano en Santiago de Compostela, que se iniciará coa apertura do próximo día 17 de outubro e que culminará cunha asemblea diocesana a finais do mes de marzo de 2022, tralas reunións dos grupos de traballo que reflexionarán sobre o documento preparatorio.

    Na reunión deste mércores, o bispo auxiliar estivo acompañado polos dous moderadores desta fase diocesana, Concepción Matei, relixiosa concepcionista, e Alfredo Durán, laico. Tamén estiveron presentes o delegado de Apostolado Segrar, Javier Porro, e Francisco Durán, integrante desta Delegación diocesana. Ademais, incorporáronse aos traballos un grupo de laicos que participara no Congreso de Laicos que, a nivel nacional, celebrouse en febreiro de 2020. O obxectivo é que se impliquen como animadores na fase diocesana que se iniciará o 17 de outubro, coa celebración dunha asemblea e unha Eucaristía presidida polo arzobispo, monseñor Julián Barrio, na Catedral compostelana.

    De acordo co tratado no encontro, ata o mes de marzo próximo celebraranse tres reunións en novembro, decembro/xaneiro e o mes de febreiro, para presentar en marzo o documento de síntese coas achegas realizadas polos participantes.

    Para presentar o proceso sinodal e os seus obxectivos realizaranse encontros nas tres Vicarías Territoriais e a páxina web da Arquidiocese habilitará un espazo específico para o Sínodo, ao que se incorporará unha caixa para suxestións.

    O camiño da sinodalidade

    Segundo se recolle no Documento preparatorio da XVI Asemblea Xeral Ordinaria do Sínodo dos Bispos, ” Igrexa de Deus é convocada en Sínodo. O camiño, cuxo título é «Por unha Igrexa sinodal: comuñón, participación e misión», iniciarase solemnemente o 9-10 de outubro do 2021 en Roma e o 17 de outubro seguinte en cada Igrexa particular. Unha etapa fundamental será a celebración da XVI Asemblea Xeral Ordinaria do Sínodo dos Bispos, no mes de outubro do 2023, á cal seguirá a fase de actuación, que implicará novamente as Igrexas particulares”.

    “Con esta convocatoria”, indícase,  “o Papa Francisco invita a toda a Igrexa a interrogarse sobre un tema decisivo para a súa vida e a súa misión: «Precisamente o camiño da sinodalidade é o camiño que Deus espera da Igrexa do terceiro milenio». Este itinerario, que se sitúa na liña do «aggiornamento» da Igrexa proposto polo Concilio Vaticano II, é un don e unha tarefa: camiñando xuntos, e xuntos reflexionando sobre o camiño percorrido, a Igrexa poderá aprender, a partir do que irá experimentando, cales son os procesos que poden axudala a vivir a comuñón, a realizar a participación e a abrirse á misión. O noso “camiñar xuntos”, en efecto, é o que mellor realiza e manifesta a natureza da Igrexa como Pobo de Deus peregrino e misionero”.