As Obras Misionais Pontificias de Galicia presentarán en Santiago a Campaña do Domund 21

. Estarán presentes o arzobispo, monseñor Julián Barrio, e o director de OMP, José María Calderón
. O pregón de lanzamento da campaña correrá a cargo do bispo auxiliar, monseñor Francisco José Prieto

O día 1 de outubro as Obras Misionais Pontificias de Galicia presentarán a campaña do Domund correspondente a este ano 2021, Ano Santo Compostelán. O acto de lanzamento da campaña terá lugar en Santiago, aproveitando este acontecemento xubilar, e dará comezo coa reapertura da sé de Obras Misionais Pontificias en Santiago, na Rúa da Acibechería.

Alí estará presente o arzobispo, monseñor Julián Barrio, e José María Calderón, director nacional de Obras Misionais Pontificias. A continuación celebrarase na Catedral unha Misa de envío Domund e, ao seu termo, o bispo auxiliar, monseñor Francisco José Prieto, pronunciará o pregón de lanzamento da campaña do Domund.

Como se sabe, o Domund é unha Xornada universal que se celebra cada ano en todo o mundo, o penúltimo domingo de outubro (este ano o día 24), para apoiar os misioneiros no seu labor evanxelizador, desenvolvido entre os máis pobres. É unha chamada á responsabilidade de todos os cristiáns na evanxelización. É o día no que a Igrexa lanza unha especial invitación a amar e apoiar a causa misioneira, axudando os misioneiros. Os misioneiros dan a coñecer a todos a mensaxe de Xesús, especialmente naqueles lugares do mundo onde o Evanxeo está nos seus comezos e a Igrexa aínda non está asentada: son os territorios de misión.