Máis de 400 voluntarios comezan a traballar para a PEJ en Santiago

Este 31 de xullo, o Seminario Menor de Belvís, en Santiago de Compostela, acolleu a chegada de máis de 400 voluntarios galegos que serán os encargados de dar a benvida aos máis de 11 mil peregrinos que participarán na Peregrinación Europea da Mocidade (PEJ), que terá lugar en Compostela do 3 ao 7 de agosto.
Durante a mañá os voluntarios ensaiaron a coreografía oficial do himno da PEJ  “Ven a Santiago, máis que un camiño”, composto polo artista gondomareño Rubén de Lis e participaron en diversas dinámicas para que estes máis de 400 mozos, que proveñen das cinco dioceses da provincia eclesiástica de Santiago de Compostela —Santiago, Lugo, Mondoñedo-Ferrol, Tui-Vigo e Ourense—, puidéronse coñecer.
Raúl Tinajero, director da Subcomisión de Pastoral de Mocidade e Infancia da Conferencia Episcopal Española, destacou  o inestimable servizo que realizarán os voluntarios durante os días da PEJ. Tamén agradeceu enormemente a renuncia que realizaron estes máis de 400 mozos que optaron «por ofrecer o voso tempo, a vosa vida, para dalo aos demais. Dixestes no voso corazón si, á chamada do Señor, que necesita mans, ollos, corazón, alegría, abrazos, para dalo a todos os peregrinos novos que virán estes días. E vós sodes esa extensión dos brazos amorosos de Deus. Sodes os seus voluntarios para dar o mellor».
Esta tarde, comezarán os traballos de preparación —reparto de materiais, reunións de responsables de grupo, loxística, etc—, aínda que tamén haberá espazo para o descanso e a celebración da fe ao redor da eucaristía que presidirá o bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro Fiuza.
Ao longo dos últimos meses, mantivéronse diversos encontros de formación para poder servir mellor como voluntarios durante esta peregrinación á tumba do Apóstolo, aprendendo como responder ante determinadas situacións —desde acompañar a grupos de peregrinos pola cidade ata atender emerxencias—.
A Peregrinación Europea da Mocidade conta con 11 comisións de traballo —dirección, loxística, contidos, secretaría, voluntariado, liturxia, actos centrais, espazo vocacional, lúdico-espiritual, creatividade  e comunicación—, formada por 15 axentes de pastoral, sacerdotes e laicos, de toda España que traballaron en equipo desde o ano 2020.