Memoria agradecida

Onte o Señor transformaba o alento mortal de Mons. D. Victor B. Maroño Pena para chamalo á eternidade. Neste momento esta memoria agradecida é recordo obsequioso a quen foi Vigairo Xeral da Arquidiocese Compostelá durante longos anos. Ao bordear a beira do misterio da vida, desfallece o entendemento, pero é o afecto o que toma voos para estimar neste caso a súa persoa, o seu quefacer pastoral e a súa dedicación incondicional entre nós.

Foi unha persoa equipada coa responsabilidade e a autoridade debidas para realizar a misión que se lle encomendou. Posuía unha rica experiencia humana, espiritual e pastoral, avalada pola súa preparación intelectual e os seus coñecementos que nos levou a consideralo como memoria da Diocese. Pensamento sólido, palabra precisa tanto falada como escrita, actitude de diálogo e de procura configuran os trazos da súa personalidade no medio das inquietudes, as esperanzas e os quebrantos non sempre evitables no ministerio pastoral.

Un achegábase a el con ese respecto que incluía esa proximidade sempre ofrecida pola súa banda. Nestes anos nos que o tiven como Vigairo Xeral percibín que reflectía en cada unha das súas facetas a verdade e a bondade do seu ministerio sacerdotal. A súa dispoñibilidade xenerosa, allea a todo protagonismo estéril, levouno a actuar coa certeza de santo Agostiño, o Bispo de Hipona, cando dicía: “Concede o don do que mandas e manda o que queiras”, sabendo que hai que camiñar “entre as turbacións do mundo e os consolos de Deus”.

Afirmar o válido do pasado e asumir o bo do presente coa esperanza dun futuro mellor foi o fío condutor da súa actuación ministerial. A prudencia e o realismo, a fidelidade e a esixencia dos novos signos, o sentir eclesial e os interrogantes do home son as claves que nos axudan a interpretar os acentos do seu ministerio sacerdotal. Na vida normal bordéase sempre o misterio, ás veces mesmo a vida é absorbida polo mesmo misterio, como urdido que nos leva a comprender a existencia como don e tarefa.

“Non podemos comer o pan da memoria para que o tempo non nos afonde no esquecemento”, escribe un dos nosos poetas. Os que formamos a Igrexa particular compostelá participamos sentidamente do agradecemento que permanece constante no tempo a Mons. D. Victor. Neste momento son consciente de que as mellores palabras son aquelas que aburan os ollos da alma porque “as raíces das palabras veñen ao corazón das cousas”, e a palabra que mellor reflicte este sentimento é gratitude acompañada da oración. Descanse en paz!

Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.