Mensaxe do arcebispo ante a chegada da imaxe da Virxe promovida pola iniciativa “Madre Ven”

O arcebispo de Compostela, monseñor Julián Barrio, gravou unha mensaxe de acollida ante a presenza na Arquidiocese compostelá dunha imaxe da Virxe que, dentro da iniciativa “Madre Ven”, chegará a Compostela o Día do Apóstolo Santiago. Os promotores desta iniciativa indican que son “un grupo de laicos e sacerdotes”, que puxeron en marcha esta peregrinación que rememora, neste ano Santo Compostelano, a visita da Virxe María ao Apóstolo Santiago no ano 40 desde a súa casiña en Éfeso ata as beiras do Ebro, para animalo e darlle esperanza cando se atopaba triste e abatido.

“Madre Ven” está levando por toda España unha imaxe da Inmaculada Concepción chegada desde Éfeso por avión. A peregrinación iniciou o seu camiño o 1 de maio na basílica do Pilar de Zaragoza e percorrerá os lugares máis significativos da espiritualidade en España. Ao seu paso será recibida por diversos bispos e numerosos párrocos, que xa comprometeron a súa participación. A imaxe visitará a catedral de Santiago de Compostela o Día do Apóstolo deste ano Santo Compostelán, e concluirá o seu camiño no santuario do Cerro dos Anxos ante o Sagrado Corazón de Xesús o 12 de outubro, día da Virxe do Pilar.