Mons. Barrio: “A Coresma é o deserto no que labramos a nosa conversión”

O arcebispo de Santiago de Compostela, mons. Julián Barrio, fixo público a súa mensaxe para a Coresma na que convida aos diocesanos a reflexionar sobre este tempo como un camiño de preparación á solemnidade da Pascua no que “Deus nos segue buscando para implicarnos no proxecto do seu Reino chamándonos á conversión e a crer no Evanxeo”.

O prelado compostelán inicia a súa Carta pastoral lembrando que “a Coresma é a deserto metáfora do paraíso perdido, no que labramos a nosa conversión, vencendo as tentacións. Nese ámbito habemos de revitalizar o don da nosa fe, avivar o desexo de Deus”. E convida a todos os diocesanos “a sentir a Igrexa cunha actitude agradecida pola transmisión do Evanxeo a través dela, sabendo que os seus problemas son os nosos”.

Mons. Barrio sinala que as raíces da vida como comunidade cristiá, son manterse unánimes e concordes cun mesmo amor e un mesmo sentir tendo os sentimentos propios de Cristo, á vez que exhorta a todos os diocesanos ”a sentir a Igrexa cunha actitude agradecida pola transmisión do Evanxeo a través dela, sabendo que os seus problemas son os nosos; a sentir na Igrexa véndoa como un corpo cuxos membros están ao servizo de todo o corpo; e a sentir coa Igrexa non convertendo o noso criterio persoal en criterio absoluto e poñendo ao servizo dos demais os dons recibidos”.

Don Julián afirma na súa mensaxe que, aínda que se teña a certeza de que “na misión non vai incluído o éxito”, isto non ha de levar “nin á indiferenza nin á pasividade” polo que non hai escusa para non dar froitos de santidade que glorifiquen a Deus.

O arcebispo lembra tamén que o venres 24 e o sábado 25 de marzo, celebraranse as 24 horas para o Señor, unha Xornada promovida desde o Pontificio Consello para a Promoción da Nova Evangelización e impulsada polo Papa Francisco é unha iniciativa centrada na adoración ao Santísimo Sacramento e a recepción do sacramento da Reconciliación en tempo de Coresma.

Mons. Barrio exhorta a que nas parroquias, nas comunidades relixiosas e nos Seminarios se programen momentos de adoración ao Santísimo, lectura da Palabra de Deus e celebracións penitenciais, pois “na adoración eucarística atopamos tamén o acougo propicio para celebrar o Sacramento da Reconciliación cuxa experiencia nos leva a ser misericordiosos cos demais”.