O próximo dous de febreiro a Igrexa celebra a Xornada da Vida Consagrada, dedicado aos homes e mulleres que, sentindo a chamada de Deus, consagráronse ao Señor nunha vida de entrega, tanto desde a acción pastoral, a través da vida apostólica ou desde a oración, a través da vida contemplativa.
Con motivo desta Xornada, o arcebispo de Santiago, D. Julián Barrio Barrio publicou unha Carta pastoral dirixida aos membros da Vida consagrada.
O texto xira ao redor de tres ideas centrais: Compromiso co Reino de Deus, saír da vosa terra e chamada e resposta que se corresponden coa mesma consagración das súas vidas. Na Carta anímaos a redescubrir a Deus que “vos segue buscando e ten como proxecto seguir comprometéndovos no seu Reino que chegou e que foi anunciado por Xesús” lembrándolles que “o importante é a súa chamada, o secundario é a nosa resposta”.
A Vida Consagrada, nas súas variadas formas, é unha mostra e exemplo de como facer o camiño ao modo de Xesús, en fraternidade por iso, afirma mons. Barrio “o Señor chamouvos para sempre a estar con el, tal como sodes no medio das vosas dificultades e as vosas limitacións. A resposta comporta querer facer o que El fixo: anunciar o evanxeo e expulsar demos: a increnza, a inxustiza, a cobiza no corazón, as depresións psíquicas. E todo isto “camiñando en esperanza”, para os demais e cos demais, sabendo que Cristo, hoxe, onte e sempre, é a esperanza que nos garante que o tempo non nos desgasta porque nos axuda a encamiñarnos á eternidade”.
O arcebispo compostelán convídaos na súa carta “para contemplar a vocación de Abrahán recollida en Xénese 12,1: “Sae da túa terra, da túa patria, e da casa de teu pai, cara á terra que che mostrarei”, palabras que, continua o prelado, estiveron moi presentes na celebración do Ano Santo Compostelán apenas clausurado.
D. Julián fai unha chamada a fiarse en todo momento da palabra do Señor que “nos dá sempre confianza de ver cumprido o noso desexo como aconteceu a Simeón, home xusto e piadoso, e á profetisa Ana que non se apartaba do templo, servindo a Deus con xaxúns e oracións noite e día” en clara referencia á pasaxe do Evanxeo da liturxia da Misa da Festa da Presentación que se celebra nese día.
Lembra Mons. Barrio que “a chamada do Señor comporta centrarse en Deus e nos demais, esquecéndose dun mesmo” e que “a resposta ha de ser xenerosa e alegre” pois “non é fundamentalmente un sacrificio senón unha ofrenda agradecida”
Termina a súa carta o arcebispo agradecéndolles” todo o que son e estades a facer na nosa igrexa diocesana, lembrando de maneira especial aos Membros enfermos das súas comunidades e aos que o Señor xa chamou á súa gloria eterna”.