O 2 de febreiro a Igrexa celebra o día da Candeloria. Rememórase a Presentación de Xesús no Templo con corenta días cumpridos tras o seu nacemento. Nesta festividade a Igrexa celebra a XXVI Xornada Mundial da Vida Consagrada, cuxo lema, nesta ocasión, é “Camiñando xuntos”, significando así que os consagrados únense ao camiño sinodal que se iniciou en outubro de 2021 e que culminará en outubro de 2023

Con motivo desta Xornada, o arcebispo de Santiago mons. Julián Barrio dirixiu unha Carta Pastoral aos Membros da Vida Consagrada na que os convida a “transformar con creatividade o compromiso vocacional”.

O prelado compostelán destaca que o silencio posibilita o encontro con Cristo, transformándose en creatividade e liberdade, “claves para seguir interpretando a sinfonía das vosas vidas, tan necesarias no peregrinar da Igrexa”. E engade que “sentir o silencio, por paradoxal que pareza, é poñerse á escoita”.

Mons. Barrio lémbralles que a Diocese os valora e os quere, sentíndose próxima nesta xeración de procesos que están a realizar para responder ao que o Espírito lles pide neste momento eclesial.

Neste senso, o arcebispo, sinala que neste espírito sinodal “camiñamos xuntos convosco desde a vosa consagración, compartindo a escoita, a comuñón e a misión”. E continúa afirmando que “trátase de percorrer xuntos o camiño, abrazando a nosa diversidade. Somos pedras vivas na construción do corpo de Cristo e fermento na masa no medio da humanidade, cultivando un diálogo sincero e obxectivo, e facéndoo con claridade, mansedume, confianza e prudencia”.

D. Julián fai unha chamada “a ler os signos dos nosos tempos, tratando de responder as preguntas que nos fan, sen renunciar ao esencial da nosa identidade”.

Termina a súa misiva trasladándolles, en nome de todos os diocesanos e o seu propio, estas palabras: “a estima, o afecto e a oración dando grazas a Deus por este don inapreciable e pedindo que o Señor vos conceda a forza necesaria co seu Espírito para realizar a misión que se vos encomendou. Ultreia e Esuseia! Como peregrinos miremos cara arriba e camiñemos cara a adiante.”