Mons. Barrio no encontro de voluntarios da PEJ

Onte, sábado 2 de xullo, máis de 400 mozos da Provincia Eclesiástica de Galicia, asistiron ao último encontro de voluntarios previo á Peregrinación Europea da Mocidade no Seminario Menor de Belvís, en Santiago de Compostela.

Durante a mañá, o equipo de animación e baile ensinou a coreografía do himno composto polo músico Rubén de Lis tras o saúdo inicial do arcebispo de Santiago de Compostela, Mons. Julián Barrio, que acudiu a acompañar a mocidade neste último encontro previo á PEJ.

Para poder realizar a tarefa encomendada, os voluntarios necesitan coñecer Santiago e aprender a moverse sen dúbidas polas súas rúas. Por iso, para estar preparados, realizaron unha xincana a través da cidade mentres que o PEDAL (Potente Equipo De Animación Litúrxica) ensaia os cantos. Os voluntarios de Éltite, aqueles que viven en Santiago e que por traballo ou outras cuestións persoais non poden dedicar todo o seu tempo a participar na PEJ, reuníanse para coñecer como se concretaría o seu labor.

A estes mozos galegos correspóndelles a tarefa de acoller e acompañar os máis de 10 mil peregrinos que acudirán á cidade do apóstolo para presentarlle as intencións que gardan no corazón e a recibir o Xubileu.

David Muñoz, delegado de Pastoral Xuvenil de Ourense e responsable de voluntarios, foi o encargado de dirixir a formación desta tarde cos mozos, que puxeron a proba todos os coñecementos adquiridos ao longo dos últimos meses a través de diferentes situacións reais que poderán vivir durante os días da PEJ, desde que facer se un peregrino se desmaia durante un acto ata como resolver posibles conflitos nos lugares de repartición de comidas. Cada grupo tivo que resolver cada unha das casuísticas expostas de maneira efectiva e seguindo as indicacións recibidas durante as anteriores sesións de formación.

O encontro finalizou compartindo a eucaristía que presidiu o delegado de Pastoral de Infancia e Mocidade de Santiago de Compostela, Javier García, que, seguindo o fío do Evanxeo proclamado, convidou os voluntarios a “poñerse en camiño” desde xa para vivir a PEJ con intensidade; a non “cambiar de casa”, lembrando o compromiso adquirido coa Igrexa para levar a Cristo a cada un dos peregrinos que acudirán a Compostela; e a estar alegres a pesar do cansazo e das dificultades.

Na actualidade, a Provincia Eclesiástica de Galicia conta cun total de 431 voluntarios rexistrados que pertencen ás cinco dioceses galegas: 222 da Arquidiocese de Santiago de Compostela; 97 da diocese de Tui-Vigo; 44 de Mondoñedo-Ferrol; 21 de Lugo; e 20 de Ourense; os 27 mozos restantes pertencen ao colexio católico San José de Cluny,. Hasta o luns 4 de xullo, aínda é posible inscribirse como voluntarios a través do seguinte enlace e facendo efectivo o pago da inscripción.