Mons. Barrio: “O sacerdocio é un don e non unha función”

  • O arcebispo preside as ordenacións sacerdotais de Carlos Camiño Lema, Javier Carballo Mouzo e Juan Sanjurjo Arias
  • Na súa homilía pediu aos tres novos sacerdotes diocesanos “falar con todos acompañándoos con misericordia no camiño da reconciliación”

“O sacerdocio é un don e non unha función, non é un contrato de traballo”, indicou hoxe o arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Julián Barrio, aos tres candidatos que onte recibiron as ordes sagradas na Catedral. Na homilía da Eucaristía na que Carlos Camiño Lema, Javier Carballo Mouzo e Juan Sanjurjo Arias foron ordenados sacerdotes, o arcebispo sinalou que “a finura espiritual evitará que vos convertades en burócratas da pastoral. Falade con todos acompañándoos con misericordia no camiño da reconciliación”. Monseñor Barrio presidiu esta cerimonia, na que tamén estivo presente o bispo auxiliar, monseñor Francisco José Prieto, así como o reitor do Seminario, Carlos Álvarez.

“Entrades no sacerdocio”, dixo monseñor Barrio na súa homilía, “a través do Sacramento da Orde, é dicir, a través da vosa entrega a Cristo para que El dispoña de vós. O sacerdote non pode dar a “imaxe do home que, a través do sacerdocio, quere facerse importante, converterse nun personaxe”.

“Ser sacerdote, é vivir para Cristo, e a través del “vivir para os homes a quen El busca, a quen El quere conducir polo camiño da vida”. A certeza de que Cristo non vos abandona ha de ser para vós motivo de constante consolo e de inquebrantable esperanza, en particular no día de dificultade”, comentou o arcebispo.

Monseñor Barrio, ademais, pediu aos “laicos e membros de Vida consagrada” estar “próximos aos vosos sacerdotes coa oración e co apoio, especialmente nas dificultades, para que sexan cada vez máis Pastores segundo ou corazón de Deus”.

Unha vez acabada a homilía tivo lugar a promesa dos elixidos. Os candidatos ao presbiterado, diante do arcebispo, expresaron a súa vontade de recibir o ministerio sacerdotal, desempeñándoo a través da predicación do Evanxeo e a celebración dos sacramentos da Eucaristía e a Reconciliación. A continuación, e tras permanecer prostrados no chan para o canto das Ladaíñas dos Santos, aos tres candidatos, pola imposición das mans do arcebispo e a pregaria de ordenación, conferíuselles o don do Espírito Santo para a súa función presbiteral.

Finalmente, unxíronselles as mans co sagrado crisma, concluíndo o rito de ordenación coa entrega do cáliz e a patena.