Hoxe sábado, 25 de novembro, o arcebispo de Santiago de Compostela, mons. Francisco Prieto asistiu na Catedral de Badaxoz á toma de posesión de Mons. José Rodríguez Carballo como Arcebispo coadxutor de Mérida-Badaxoz.
A celebración, comezaba uns minutos antes das 11 da mañá coa procesión de entrada, que saía desde o Arcebispado ata a Catedral, atravesando a Praza de España, onde se fixo presente un grupo de 30 gaiteiros da deputación de Ourense, terra natal de Monseñor García Carballo e un coro do Camiño Neocatecumenal.
A Eucaristía foi presidida polo Arcebispo titular, Mons. Celso Morga, e concelebrada polo Nuncio en España, Mons. Bernardito Auza. Asistiron tamén 5 cardeais, 10 arcebispos, 20 bispos e numerosos presbíteros, entre eles máis de 120 sacerdotes desta Diocese, ademais dunha ampla representación da familia franciscana, membros do Dicasterio para a Vida Consagrada e Sociedades de Vida Apostólica…
Na súa homilía, don Celso Morga daba a benvida ao novo arcebispo coadxutor en nome propio e dos sacerdotes da arquidiocese. “Querido José –dixo don Celso- vas atopar aquí moitos santos da ´porta da beira´. Atoparás un presbiterio sinxelo, sen sutís clericalismos, cariñoso e nobre, traballador e sincero, alegre e culto, con fallos tamén loxicamente e con posibilidade de mellorar. Vivino e experimenteino. Síntome moi contento de pertencer, xa para sempre, a este presbiterio de Mérida-Badaxoz”. Ao longo da súa homilía enxalzaba a sucesión apostólica, referiuse ás características da diocese coa que don José vai atopar e terminou pedindo a protección da Virxe de Guadalupe.
A Alocución de Mons. José Rodríguez Carballo chegaba ao final da Eucaristía. Nela, o novo Arcebispo coadxutor daba resposta á pregunta de que con que Igrexa diocesana soña. Entre outras cousas afirmaba que soña “cunha Igrexa diocesana misioneira cara ao mundo das periferias, unha ´Igrexa en saída´, cuxo ´claustro´ sexa o mundo; unha Igrexa que saiba escoitar as preguntas e os desafíos que nos chegan do home e da muller de hoxe e que propoña, sen medo nin arrogancia, a Xesús como ´camiño, verdade e vida´”. Tamén pediu “unha Iglesia propositiva, que non se refuxie nunha pastoral de nostalxia, cunha Igrexa rica de espiritualidade, na que a piedade popular, tan rica e profunda nestas terras, sexa sempre iluminada polo Evanxeo”. “Soño –dixo tamén- cunha Igrexa rica de espiritualidade, na que a piedade popular, tan rica e profunda nestas terras, sexa sempre iluminada polo Evanxeo”.