Mons. Francisco Prieto: “Procuremos ser testemuñas ao servizo da vida, entendida como don de Deus e como tarefa humana”

    O arcebispo lembra na Festa da Translación do Apóstolo que “os cristiáns        temos aquí unha responsabilidade única: ser testemuñas da paternidade de      Deus e da fraternidade de Cristo”.

   Mons. Prieto afirmou que “temos nas mans, e no corazón e na vida, unha         tarefa irrenunciable e inescusable: facer da fraternidade o substantivo             constituínte da vida humana”

  • O arcebispo de Santiago, mons. Francisco José Prieto Fernández, presidiu esta mañá a tradicional festa da Translación do Apóstolo Santiago, que se celebra cada 30 de decembro na Catedral compostelá, unha tradición instaurada por Felipe V no ano 1646. Nesta ocasión a Ofrenda Nacional correspondeu ao presidente do parlamento galego, Miguel Santalices, quen actuou como Delegado Rexio.

Na súa homilía, mons. Prieto afirmou que os cristiáns teñen unha responsabilidade única: “ser testemuñas da paternidade de Deus e da fraternidade de Cristo. Temos que mostrar en concreto que ambas son capaces de procrear vida e compañía, proximidade e esperanza nos que ven arrecantados na soidade, desvalidos na súa orfandade e errantes nesa terrible terra de ninguén que é a marxinalidade, escenario dun drama do que todos somos actores, moito máis que espectadores”.

Neste sentido, o arcebispo fixo unha invitación a ser testemuñas ao servizo da vida, entendida como don de Deus e como tarefa humana, promotores dunha cultura da dignidade do home e de todo home: “Debemos desenvolver todo o que significa “calidade” da persoa en canto individuo orixinal, diferenciado dos demais seres, capaz de amor e liberdade responsable, e chamado a crecer na convivencia e o diálogo social”. E engadiu “Temos nas mans, e no corazón e na vida, unha tarefa irrenunciable e inescusable: facer da fraternidade o substantivo constituínte da vida humana e, por suposto, do ser e facer do cristián, da Igrexa no medio da sociedade”.

Referíndose a Santiago de Compostela, como meta dos camiños que conducen á tumba dun dos Zebedeos, Santiago o Maior, mons. Prieto indicou que cada camiño que conduce os peregrinos ata o sepulcro do Apóstolo “expresa tamén a procura de itinerarios comúns, sen ningún atallo e sen ningunha distracción ou dispersión, no cal a escoita pasa a ser primordial a pesar das diferenzas.

O prelado compostelán finalizou a súa homilía poñendo sobre o Altar a todos os pobos do mundo, “especialmente os que seguen sufrindo o drama da guerra, da fame que tantos exilios forzados provoca; a todos os pobos e xentes de España, da nosa querida Galicia, as nosas familias, que sigan sendo, nestes momentos de crises e incerteza, berce da vida e da fe, onde todos, especialmente os nosos nenos e anciáns, sexan coidados, queridos e consolados”. E pediu por aquelas persoas que exercen responsabilidades públicas: “para que dediquen os seus mellores esforzos ás esixencias do ben común e ao empeño por construír unha sociedade en paz, cimentada na verdade, a xustiza e a liberdade, onde servir sexa sempre o horizonte da responsabilidade social, por riba das lexítimas diferenzas políticas”.

Concelebraron con monseñor Francisco Prieto, o cardeal arcebispo emérito de Madrid, mons. Antonio María Rouco Varela; o arcebispo emérito de Santiago de Compostela, mons. Julián Barrio; o arcebispo emérito de Tánxer, mons. Santiago Agrelo Martínez; o Bispo de Tui-Vigo, mons. Luis Quinteiro Fiuza; e o Bispo de Lugo, mons. Alfonso Carrasco.