Mons. Francisco Prieto: “Transparencia é comunicar a verdade, non se trata de cantidade”

A comunicación desde un punto de vista xeral, como comunica a Igrexa ou como debería facelo, foron algúns dos temas que se trataron no coloquio que protagonizou o Arcebispo de Santiago de Compostela, Mons. Francisco José Prieto, no Salón Bispo Mazarrasa do Palacio Episcopal. Este acto organizouse no marco do 25º aniversario da folla diocesana Igrexa en Ciudad Rodrigo, no que tamén se programou un acto con xornalistas.
Mons. Prieto falou de transparencia ou da falta dela, algo do que se acusa de maneira recorrente a moitas institucións ou entidades, entre elas a Igrexa. “Transparencia é comunicar a verdade, non se trata da cantidade de cousas que dicimos, senón de verdade”.
En varias ocasións referiuse ao ‘sacramento do encontro’, para falar así, da “presencialidade” na comunicación.

Por outra banda, “a Igrexa leva en si mesma esa vocación de comunicar”, resaltou, “as linguaxes son as propias de cada tempo, pero segue tendo forza evocadora porque fala desde a verdade, ten vocación de permanencia”.
Tal e como lembrou, cada 25 de xaneiro, a Iglesia celebra o milagre da conversión de San Pablo, “un comunicador nato”, apuntou, “cos recursos do seu tempo e do seu momento” por iso hai que tratar de chegar aos homes e mulleres do noso tempo “cos oídos postos no corazón da sociedade para saber que lles preocupa”.
O prelado tamén explicou que a misión da Igrexa é “evanxelizar, existe para anunciar a boa noticia, non para falar de si mesma”. Ademais de misión, comunicar é unha oportunidade “baixo a mirada crente” e desde ese punto de vista “todos os bautizados estamos convocados á misión de comunicar, todos comunicamos e deberiamos ser conscientes”.

 

Comunícase co “modo de estar, dicir e ser, comunicamos como testemuñas desde a fe, por iso necesitamos comunicar desde a verdade, con transparencia e sen impostacións”.
Mons. Prieto recoñeceu que a Igrexa ten “un desafío” desde o punto de vista da comunicación, “é importante que comunique para dicir o que fai, desde a súa rica realidade, e iso deberiamos facelo con naturalidade”.
Tamén asume que en ocasións, faltou “unha comunicación pro activa, saír á fronte” aínda que non se trata de que se publiquen moitas informacións sobre a Igrexa senón que se faga de maneira “significativa” ou o que é o mesmo, “que a da Igrexa sexa unha voz escoitada”.
Concluíu facendo especial fincapé na escoita, pois doutro xeito “podemos estar a responder a preguntas que ninguén nos fai”.