Mons. Julián Barrio: “A Igrexa que peregrina en Santiago ofrece un espazo e un tempo de reconciliación con Deus no Xubileo”

  • No marco do Ano Santo, mons. Julián Barrio orienta a Oración Ecuménica en consonancia co espírito do Xubileo Compostelán aberto á reconciliación, á pregaria e á fraternidade entre os pobos e, en particular, entre todas as Igrexas cristiás.

Vimos saír a súa estrela e viñemos adorarlo” (Mt 2,2). Este é o lema da Semana de Oración pola Unidade dos Cristiáns, a celebrar do 18 ao 25 de xaneiro. “Son os cristiáns de Oriente quen ecumenicamente nos propoñen este ano, para poñernos en Camiño como peregrinos buscando esa luz en tempos de escuridade, na noite das nosas crises antropolóxicas, sanitarias e económicas, pero tamén de fe, de esperanza e de caridade nas nosas comunidades e igrexas”. Así se expresa o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio na súa carta pastoral dedicada á preparación do Octavario de Oración ecuménica.

Mons. Barrio afirma que “o peregrino sae da súa terra cunha mochila lixeira, confiado en Deus, e en mans da hospitalidade de descoñecidos que acaban sendo irmáns”. E engade que “o peregrino regresa iluminado por Deus para ser testemuña no seu fogar do encontro co Señor”.

O prelado compostelano alude tamén no seu escrito á figura do Apóstolo Santiago como referente para homes e mulleres de todas as relixións: “Hoxe Santiago Zebedeo é faro para peregrinos de Oriente e Occidente, de tantas confesións cristiás, e tamén non cristiás”.

Neste senso, o arcebispo afirma que “necesitamos facernos peregrinos tamén os cristiáns que estamos na contorna á meta e ao Camiño, para desposuírnos das nosas seguridades e escoitar de novo a voz do Señor que nos invita a saír, aínda que sexa ao descoñecido”.

Mons. Barrio destaca tamén que a Igrexa que peregrina en Santiago “ofrece un espazo e un tempo de reconciliación con Deus no Xubileo, nun Ano Santo, tempo de graza, acollendo na súa casa o que regresa ao Evanxeo de Xesús”. En definitiva, a invitación ecuménica alcanza a toda a celebración do Xubileo e a cada peregrinación.

Para celebrar este tradicional octavario, a Comisión de Ecumenismo, que dirixe o sacerdote Francisco Javier Buide do Real, remitiu a todos os sacerdotes, carteis, a carta do arzobispo, un folleto cunha reflexión e oración para cada día e materiais para a liturxia.