- Desde este domingo a Arquidioces de Compostela conta con dous novos diáconos e outros dous sacerdotes
O arcebispo de Santiago presidiu este domingo na Catedral, a Eucaristía na que foron ordenados sacerdotes Mario Agustín Pérez Moya e Martín Anani Konassi Kouman. Na mesma cerimonia tamén recibiron o diaconado Ernesto Gómez Juanatey e Mateo Augado Domínguez. Na súa homilía, monseñor Julián Barrio dixo aos novos diáconos que “hoxe é un día para vós de dons e de grazas, de obrigacións e de compromisos”. O arcebispo exhortounos a que “non saia da vosa boca ningunha palabra ociosa. Cando exhortedes moralmente, infundide bondade á xente. O Diaconado convértese nun compromiso que, libremente aceptado, ha de configurar o voso estilo de vida no servizo aos demais, fundamento da espiritualidade diaconal”.
O prelado compostelán tamén se dirixiu aos candidatos ao presbiterado con estas palabras: “o sacerdocio é un don e non unha función, non é un contrato de traballo. Ao unxir os enfermos e os bautizados lembrade que compartides a vosa vocación e a vosa vida”. E engadiu que “a finura espiritual evitará que vos convertades en burócratas da pastoral. Falade con todos acompañándoos con misericordia no camiño da reconciliación”.
Unha vez acabada a homilía os candidatos ao diaconado e presbiterado manifestaron o seu desexo de ser ordenados e a vontade de vivir o seu ministerio con humildade e a alma limpa para proclamar a fe segundo o Evanxeo e a Tradición da Igrexa. A continuación, os catro prometeron celibato, oración e obediencia.
Tras o rezo das Ladaíñas, o arcebispo a través da imposición de mans e a pregaria de ordenación conferiu aos candidatos o don do Espírito Santo para o seu ministerio diaconal e presbiteral. Na cerimonia tamén estivo presente o bispo auxiliar, mons. Francisco José Prieto.