Mons. Julián Barrio bendí as instalacións do terceiro Economato de Cáritas en A Coruña

  • Está previsto que atenda a 400 familias.

Cáritas Interparroquial da Coruña inaugurou o terceiro Economato da súa zona de influencia situado no barrio de Monte Alto, no número 108 da avenida de Hércules. Está previsto que atenda a unhas 400 familias que poderán levar a casa produtos de primeira necesidade “con todas as esixencias de seguridade”, que son trocados por vales que lles son entregados nas parroquias.

A nova iniciativa enmárcase nos esforzos da entidade por ofrecer atención, de maneira digna, aos colectivos vulnerables. Trátase do terceiro centro destas características inaugurado na Coruña por Cáritas, os outros dous están situados en Bellavista e Reis Magos. Os economatos de Cáritas atenderon o ano pasado a 1.200 familias entre as que repartiron alimentos por un valor superior aos 300.000 euros.

  • O traballo do voluntariado

As instalacións foron bendicidas polo arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, que durante a súa intervención glosou o gran traballo que se desenvolve en Cáritas o voluntariado para axudar ás persoas máis necesitadas. “Son persoas que coa súa xenerosidade e dedicación non dan soamente o que teñen, senón o que son”, dixo.

O economato está dotado de produtos de alimentación, hixiene, material para bebés, froitas e verduras, legumes ou conservas, doados polo Banco de Alimentos e cadeas de alimentación. O establecemento, cuxo equipamento e deseño o realizou Gadis, abre as súas portas os mércores de 17 h a 20 h e os venres de 10 h a 13 h.