Mons. Julián Barrio na Xornada Mundial dos Migrantes e Refuxiados: “Necesitamos sociedades impregnadas dunha cultura do coidado común”

  • O arcebispo de Santiago destaca que “O Evanxeo nos leva a comprometernos coa nosa sociedade civil, e colaborar coas súas estruturas”.
O vindeiro domingo día 25 de setembro celébrase a xornada 108 do Día Mundial dos Migrantes e Refuxiados. O lema deste ano que propón o Papa é: “Construír o futuro cos migrantes e refuxiados”, unha clara invitación a promover espazos de acollida e hospitalidade na Igrexa e na sociedade. Nunha Carta Pastoral dedicada a esta xornada, o arcebispo de Santiago de Compostela lembra que “isto só o poderemos facer acompañando, escoitando, incluíndo e facendo participar as persoas migradas. É a forma de decidir o noso futuro”.
Mons. Barrio destaca que a liberdade humana “desenvólvese e madura ao abrigo da austeridade responsable e tamén do sacrificio polos demais. Por iso, a situación que vivimos tráenos unha advertencia que hai que ter en conta: necesitamos sociedades impregnadas dunha cultura do coidado común”.
O prelado compostelán indica que “xunto ao esforzo pola xustiza e a caridade da Igrexa, está o de todos os que na sociedade civil están a ser os bos samaritanos deste século XXI. O Evanxeo lévanos a comprometernos coa nosa sociedade civil, e colaborar coas súas estruturas”. E engade que “a Igrexa representa a unha embarcación que navega cara á cidadanía dos santos, disposta a rescatar e dar acubillo a quen naufragase na vida por calquera causa. Ela mellor que ninguén, encarnada en todo tipo de lugares e culturas, sabe como resulta enriquecedor, xunto á solidariedade, o intercambio fraterno de experiencias e puntos de vista”.
Termina mons. Barrio en clave diocesana agradecendo o labor de Cáritas no quefacer caritativo-social: “A doutrina da Igrexa oriéntanos para traballar no obxectivo da harmonía social, abrindo espazos de cooperación non só económica, senón tamén relixiosa e cultural, se de verdade queremos lograr unha convivencia xusta e pacífica para construír o futuro”. Carta Pastoral de mons. Julián Barrio