Mons. Julián Barrio exhorta os laicos para construír comunidades eclesiais maduras

  • Temos que deixarnos evangelizar polos demais para evangelizar nós.
  • Estamos nunha sociedade necesitada de Deus.
  • Necesitamos abrirnos á fraternidade.
  • Ao encontro asistiu tamén o bispo auxiliar, mons. Francisco José Prieto.

O arcebispo de Santiago, mons. Julián Barrio, presidiu este venres un encontro de responsables e representantes de movementos e asociacións laicales da área de Apostolado Segrar. Na súa mensaxe aos asistentes, o arcebispo asegurou que “na Igrexa vivimos hoxe un momento moi fermoso e esperanzador” no que a semente do Evanxeo está a crecer. Unha Igrexa, asegurou o arcebispo, que debe estar integrada por “comunidades eclesiais maduras” porque o noso mundo “necesita o paso dos santos”.

Asegurou mons. Barrio que esta é a hora do discernimento, o momento de preguntarnos que nos pide o Señor, que camiños nos marcamos para facelo presente no noso mundo.

Nun ambiente de fraternidade, mons. Barrio recoñeceu sentirse “orgulloso da nosa diocese e de vós” os laicos comprometidos na construción do Reino. E insistiu en que “isto é froito dunha realidade que vivín convosco durante vinte e nove anos e sentíndome moi acompañado”.

O arcebispo lembrou tamén ao papa Francisco cando asegurou que “o Pobo de Deus é santo e pola unción do mesmo Deus é infalible cando cre”. Pediu aos asistentes ter moi en conta esta verdade no seu traballo diario para non esquecer que “todo cristián é misioneiro na medida en que se atopou co amor de Deus en Xesucristo. Ese amor permítenos saír de nós para anunciar o amor de Deus. Por iso somos discípulos e misioneiros”.

Don Julián puxo o acento na conversión persoal, o que traduce na necesidade de “deixar que os demais nos evanxelicen. Para evangelizar nós temos primeiro que deixarnos evanxelizar porque na nosa debilidade se mostra a forza de Deus”.

Recoñeceu que na nosa sociedade hai “moitos prexuízos anti cristiáns”, pero iso non debe ser un obstáculo para apostar por ser unha Igrexa en saída, para “lanzarnos ao que está por diante” porque “para non volvernos marxinais necesitamos manter a nosa fe, manifestar o que somos e cremos e non diluírnos nas opinións comúns” anti cristiás.

Concluíu mons. Barrio asegurando que estamos nunha sociedade necesitada de Deus e dunha humanidade verdadeira. Neste sentido presentou como reto para os cristiáns ser faro de humanidade que dea respostas aos interrogantes do home de hoxe. O arcebispo compostelán fixo un chamamento aos católicos composteláns á entrega total aos irmáns porque “é máis fermoso soster os demais que mendigar que nos sosteñan a nós”. Neste sentido insistiu na necesidade de “comunicar a novidade de Cristo” e en construír “comunidades eclesiais maduras”.