Mons. Julián Barrio invita, na Festa da Epifanía, a "deixarnos envolver polo amor misericordioso do Neno Deus”

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, presidiu este xoves, día 6 de xaneiro, Solemnidade da Epifanía, a Eucaristía do Día dos Reis Magos na Catedral compostelá. “Adorar o Neno”, dixo D. Julián, “xustificou aos Magos facer o longo e duro camiño que emprenderon, deixando a serena ocupación de todos os días”.

Na súa homilía, D. Julián destacou que Deus se achega ao home sen límites nin exclusión”. E engadiu: “Quere que todos os homes se salven e cheguen ao coñecemento da verdade, deixándose atopar por aqueles que o buscan con sincero corazón”.

Citando o profeta Isaías, o prelado compostelán recordou que “chega a luz e xa non hai ocaso. As promesas cumpríronse e isto aviva a esperanza. Xerusalén é un faro de luz que orienta a todos os pobos”.

Neste sentido, mons. Barrio subliñou que a cidade de Santiago “debe continuar sendo un faro de luz para xentes de todos os pobos, revelándolles o misterio da nosa salvación neste ano Santo”.

Don Julián destacou que o ano que comeza debe ser un momento “para recomezar o noso camiñar cara á plenitude que Deus nos invita a vivir con el, cambiando aquilo que nos impide recoñecer a manifestación de Deus no medio do seu pobo”.

Finalmente, tras recordar que o home relixioso está en camiño e ha de estar disposto a deixarse guiar, a saír de si, para atopar a Deus, mons. Barrio sinalou: “Ofrezamos o ouro da nosa existencia, o incienso da nosa oración e a mirra dos nosos sufrimentos”. E concluíu invitando a “deixarnos envolver polo amor misericordioso do Neno Deus e levemos a todo o mundo a luz de Cristo que nos salva, anunciando o Evanxeo”.