Mons. Julián Barrio invita os catequistas de Santiago a participar na Asemblea-Xubileo

O próximo 5 marzo terá lugar en Santiago de Compostela a Asemblea de Catequistas. O lema elixido para que nos acompañe é «Con Santiago, chamados a ser catequistas en camiño» e que trataremos neste día . Este ano por ser Ano Santo Compostelán, esta xornada desenvolverase como Asemblea-Xubileu.

Por este motivo, o arcebispo de Santiago de Compostela, mons. Julián Barrio, enviou un saúdo e invitación a participar a todos os catequistas.

Na súa carta pastoral, con motivo deste acontecemento, agradece o incansable labor que realizan os catequistas, así como a dispoñibilidade que teñen no acompañamento nas parroquias.

A Xornada comezará ás 10:00 h darase inicio coa etapa “en camiño”. Neste momento realizarase o encontro na Cidade da Cultura e darase comezo á peregrinación cara á cidade do Apóstolo.

Ás 11: 00 h continuarase coa etapa “chamados a ser catequistas”. Nela celebrarase o acto penitencial oficiado polo bispo auxiliar mons. Francisco Prieto no convento das Mercedarias Descalzas.

Ás 13: 30 h farase unha pausa para comer na hospedería de San Martiño Pinario. Hai a posibilidade para comer o seu menú (12€), ou levar a propia comida e bebida, a cal cada persoa terá que facerse cargo dela, e comer alí.

Por último, ás 15: 30 h realizarase un dos grandes momentos da xornada, a etapa “con Santiago”. Chegados xa á contorna da Catedral, comezarase atravesando a Porta Santa para a continuación, ás 16:00 h, dar inicio á Eucaristía Xubilar presidida polo Arcebispo compostelán mons Julián Barrio Barrio.

Nela, como leva facendo desde hai anos, vai facer un recoñecemento aos catequistas que cumprisen 25, 50 ou 60 anos desempañando este labor nalgunha parroquia ou ámbito pastoral.

Debido aos tempos que estamos a vivir, é necesario INSCRIBIRSE antes do 2 de marzo. Pódese enviar o formulario cumprimentado por:
– correo postal á Delegación de Catequese, Praza da Inmaculada, 5 – 15704, Santiago de Compostela;
– correo electrónico escaneando e achegando o arquivo a: catequese@archicompostela.gal