Mons. Julián Barrio: “Miremos o modelo da Sagrada Familia para que nos diga o segredo para formar unha familia ideal"

O domingo, 26 de decembro, é o día elixido para celebrar a Xornada da Sagrada Familia que, baixo o lema “Anunciar o Evanxeo da familia hoxe”, este ano cobra un significado especial xa que desde a pasada Solemnidade de San Xosé – 5º aniversario da publicación da Exhortación Apostólica Amoris laetitia- estamos vivindo un Ano especial dedicado á familia e que concluirá coa celebración do Décimo Encontro Mundial das Familias que se celebrará en Roma en xuño de 2022.

Con tal motivo, e como é tradición, o arcebispo de Santiago presidiu na Catedral compostelá unha Eucaristía, acompañado do bispo auxiliar mons. Francisco Prieto e membros do cabido catedralicio, na que os actuais delegados de Pastoral Familiar realizaron a invocación ao Apóstolo Santiago, á que respondeu mons. Barrio na súa homilía.

O arcebispo sinalou que “ser familia e actuar en familia implica xestar día a día a acollida na convivencia, abrir as portas ao perdón e á reconciliación e dignificar a vida, peregrinando cara á santidade. A vida familiar coas súas alegrías e sufrimentos, as súas sorpresas e rutinas, está bendicida por Deus. A familia cristiá onde a liberdade crece na verdade, ha de reflectir o rostro bondadoso de Deus, descubrindo a esperanza baseada no seu amor incondicionado polo home”

Nas súas palabras propuxo á Familia de Belén como modelo para todas as familias, pois estiveron sometidas ás mesmas alegrías, tristezas que os demais e “insistindo en honrar, respectar e coidar os pais quen coa súa experiencia son dignos de atención, e coa súa debilidade merecen o debido trato dilixente e cariñoso”

“Hoxe contamos – recordou o prelado- con familias feridas, e en condicións de pobreza, de miseria e de angustia. A isto engádense factores disgregadores como a separación e o divorcio, e o preocupante crecemento da práctica abortiva”. Terminou a súa homilía implorando a bendición De Deus para todas as familias da Diocese coa coa intercesión de Xesús, María e Xosé.

A celebración contou coa presenza dun coro interparroquial integrado por nenos das parroquias de Santa Eulalia de Arealonga (Vilagarcía de Arousa), San Pedro de Cornazo e San Vicente de Os Groves (O Grove).