Mons. Julián Barrio preside la Misa Solemne de la Resurrección del SeñorMons. Julián Barrio preside a Misa Solemne da Resurrección do Señor

 

O arcebispo de Santiago celebrou o Domingo de Resurrección na Catedral

O arcebispo de Santiago presidiu hoxe a Santa Misa do Domingo de Pascua da Resurrección do Señor, que se celebrou na Catedral compostelá, onde proclamou o amor de Deus e o triunfo da vida sobre a morte en Cristo, exhortando a ser testemuñas do Resucitado:

Ein Recht gesegnedtes Ostern wünscht Ihnen

Je vous prie d´ágréer mes meilleurs voeux de joyeuses Pâques

Witt my bets wishes for a truly blessed Easter

Bona Pasqua a tutti

Boa Pascua a todos

Felices Pascuas a todos

Feliz Pascua de Resurrección! “Resucitei e sempre estou contigo; ti puxeches sobre min a túa man”. Considérase que foron estas as palabras que o Fillo dirixiu ao Pai despois da súa resurrección, despois de volver da noite da morte ao día eterno da Vida”[1]. Celebramos a obra suprema do amor de Deus Pai cara ao seu Fillo Xesús, morto e resucitado. As mulleres que estiveron xunto á cruz, atopan ao día seguinte o sepulcro baleiro. “Queren despedir o morto e atopan a Cristo Vivo”. María deu o seu si para o nacemento de Cristo. A Madalena escóitalle ao anxo a indicación da Resurrección. “Benditas mulleres que saben de vida e resurrección para levar a mensaxe da vida e da verdade”.  Neste día miramos serenamente o rostro do Resucitado. Nel “loitaron vida e morte en singular batalla e, morto o que é a Vida, triunfante levántase”. Este misterio e esta mensaxe son a nosa credencial.

A Resurrección é a resposta do Pai á obediencia do Fillo. “A este Xesús Deus resucitouno, do cal todos nós somos testemuñas. Con toda seguridade coñeza toda a casa de Israel que ao mesmo Xesús a quen vós crucificasteis, Deus constituíuno Señor e Mesías” ( Feit 2,32.36). Deus Pai confirmou coa resurrección a vida e a obra do seu enviado Xesucristo que “pasou facendo o ben e curando os oprimidos polo diaño porque Deus estaba con el” ( Feit 10,38). O seu Espírito penetra o oculto da historia como o fermento na masa, como o sal na comida, como a luz na escuridade, e chámanos a aspirar aos bens de arriba, e a deixar a corrupción e mentira para actuar con sinceridade e verdade. A  resurrección de Cristo revela que podemos amar máis aló da morte e vivir facendo o ben. Así o fan tantas persoas na nosa contorna nestes momentos non fáciles. A resurrección é unha mensaxe de esperanza nunha sociedade que busca ás veces pretextos para a violencia que sempre degrada a dignidade da persoa e pon ao descuberto a nosa fraxilidade e a dificultade de construír a paz. Onde atopar o Resucitado? Atopámolo na loita diaria en favor da vida, no compromiso cos pobres e no afecto cos que comparten xenerosamente o que teñen: non só o que teñen senón tamén o que son. El precédenos nas persoas ignoradas dos nosos  tempos e envíanos para ofrecer a alegría pascual do amor fraterno. Manifestemos a nova vida nos nosos  pensamentos limpos, nas nosas palabras cheas de verdade, nas nosas decisións honestas! O home que perdeu a esperanza, atopa no Señor Resucitado a luz para atopala, sabendo que unha realidade mellor é posible, vencendo a pasividade, a indiferenza e o egoísmo para ir construíndo a Cidade de Deus no medio da dos homes. “É verdade que resucitou o Señor”. A contemplación de Cristo resucitado axúdanos a dar sentido á vida e á morte, e a ver con mirada de fe os acontecementos. ”Que todo o mundo experimente e vexa como o abatido levántase, o vello renóvase e todo volve á súa dignidade  orixinal por Cristo de quen todo procede”! Este é o testemuño de moitas persoas que coidan os máis desfavorecidos, curan os enfermos, fanse presentes no sufrimento e a marxinación, traballan pola xustiza e anuncian a salvación de Deus. Deixémonos sorprender pola forza do Resucitado no camiño da historia. Resucitar é sentir o ardor do amor no profundo das nosas vidas, facendo novas todas as cousas.

Desde esta Cidade do Apóstolo, a Xerusalén do Occidente, neste Domingo de Resurrección do Señor, fago chegar coa nosa oración a felicitación pascual ao Papa Francisco. Tamén coa alegría que nos dá Cristo resucitado, saúdo con afecto pastoral aos irmáns das Igrexas separadas, aos das relixións non cristiás, e a todos os homes de boa vontade.

Feliz  Pascua de Resurrección do Señor!

[1]Cf.  BIEITO XVI, Homilía na Vixilia Pascual, 8 de abril de 2007.