- O arcebispo presidiu en Carballo a Eucaristía coa que deu comezo, de maneira oficial, o II Ano da Parroquia.
- Cúmprense 50 anos de párroco en Carballo de José García Gondar e 25 de Xosé Pumar Gándara de servizo sacerdotal nesta Parroquia.
- Barrio bendixo unha custodia, un reloxo e unha imaxe de San Juan Bautista.
O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, presidiu onte domingo en Carballo a Eucaristía coa que deu comezo, de maneira oficial, o II Ano da Parroquia, que baixo o lema ”50 anos abrindo portas, acollendo e construíndo Igrexa”, organiza o Consello pastoral parroquial.
O día 1 de agosto do 2.022 o párroco de Carballo José García Gondar cumprirá 50 anos de párroco de Carballo e Xosé Pumar Gándara 25 anos de servizo sacerdotal nesta Parroquia, motivo para a celebración deste ano parroquial, co que se pretende dar grazas ao Señor por todo o vivido durante estes 50 anos e renovar a vida cristiá das familias.
Concelebraron con monseñor Barrio, ademais do párroco José García Gondar e Xosé Pumar Gándara, sacerdotes da comarca e outros que desempeñaron o seu labor pastoral nesta parroquia nalgún momento destes 50 anos.
Na súa homilía o arcebispo de Compostela, comezou felicitando a García Gondar por estes 50 anos de vida sacerdotal nesta comunidade parroquial: “É un momento para renovar o carisma que Deus puxo en ti e que ten que seguir revitalizándose ao longo do tempo que o Señor che conceda estar nesta comunidade”. Neste sentido, engadiu que é un día de acción de grazas e de súplica gozosa a Deus para que siga bendicindo a esta Parroquia.
Monseñor Barrio asegurou que unha Parroquia ten que ter unha conciencia clara de que non se pode vivir a fe teoricamente, senón que se ha de vivir na concreción da vida de cada día: “Na Parroquia temos que estar moi atentos á nova realidade que nos toca vivir e tratar de darlle resposta desde a fe”.
D. Julián engadiu que unha Parroquia debe ser unha comunidade de crentes, que ten que xirar ao redor da Eucaristía nestes termos: “É o eixo, ela é a raíz e o culmen da nosa vida espiritual e nela atopamos esas forzas que necesitamos para seguir peregrinando”.
Ademais, subliñou que a comunidade parroquial ten que ser unha comunidade misioneira, en saída, cara aos demais, “porque só así podemos ver o que necesitan os demais de nós e nós podémonos dar conta do que necesitamos e recibimos dos demais”.
Neste sentido, mons. Barrio afirmou que “este ten que ser o fío co que temos que ir vertebrando ese tapiz tan fermoso das nosas comunidades parroquiais: unha parroquia con espírito autenticamente misioneiro”.
D. Julián convidou a saír ao encontro dos demais e non esperar a que veñan, xa que un crece cando é capaz de axudar a crecer aos demais. E engadiu que hai que “tratar de ofrecer aos demais con humildade aquilo que nós recibimos”.
Terminou o arcebispo dando grazas a Deus por estes 50 anos da presenza e pertenza de García Gondar a esta comunidade parroquial e lembrando os sacerdotes que colaboraron e están a colaborar con el.
Antes da bendición final, o arcebispo bendixo unha nova custodia que se vai utilizar na Adoración Eucarística, así como un reloxo e unha imaxe de san Xoán Bautista colocados no adro da igrexa parroquial.
Posteriormente proxectouse un vídeo realizado polo Consello pastoral en agradecemento por estes 50 anos, e o delegado de Medios da Diocese, Manuel Ángel Blanco deu lectura a un texto poético escrito por el mesmo no que fixo un percorrido pola vida de García Gondar.
Finalmente, o párroco tivo palabras de agradecemento por todos estes anos de servizo pastoral en Carballo: a Deus, aos bispos da Diocese compostelá, aos irmáns sacerdotes, ás Fillas da Caridade, e a todos os fregueses e colaboradores que durante estes anos axudaron a construír a igrexa-edificio, pero tamén a Igrexa de “pedras vivas”.
José García Gondar destacou que é un ano “para mirar ao pasado e lembrar con gozo e gratitude tantas cousas como levamos feitas entre todos coa graza do Señor. Vivir o presente para facer revisión, coller novo ánimo evanxelizador, e renovar a fe, e abrir de novo as portas da Parroquia a todos, especialmente aos que levan tempo sen vir. E unha mirada ao futuro: para conseguir que a nosa Parroquia sexa unha auténtica Comunidade evanxelizadora e misioneira”.
Terminou García Gondar co desexo de seguir servindo a Igrexa en Carballo: “Mentres o Señor me siga dando saúde, e o arcebispo o considere oportuno, o meu desexo é seguir servindo e vivindo nesta querida Parroquia de Carballo”.
Galería de imágenes de la celebración