Mons. Prieto á mocidade de Sísamo: “Mirade o corazón das persoas, como Deus mira o corazón de cada un de vós”

Este domingo 28 de xaneiro, o Arcebispo de Santiago de Compostela, mons. Francisco Prieto, administrou o sacramento da confirmación a un grupo de mocidade da Parroquia de Santiago de Sísamo, no concello de Carballo.
Na homilía, D. Francisco exhortou aos mozos a que vivan á luz do Evanxeo e á luz da fe en Xesús: “Estades aquí porque Deus, a cada un de vós, quérevos e ademais quere contar convosco, coa vosa vida…”. E engadiu: “Ides dicir diante desta comunidade parroquial “creo en Deus e confirmo a miña fe”, como ese compromiso que temos que vivir con sinxeleza e autenticidade”.

 

O arcebispo pediulles, seguindo unha expresión do Papa Francisco, que non sexan espectadores cómodos do que pasa, senón actores auténticos da propia vida de cada un: “a vosa vida, a vida de cada un de nós, é a que ten que falar daquel en quen creo, daquel que nos ama a que nós pedimos tamén amalo, a Deus o noso Pai”.
Terminou a súa homilía afirmando que a medida do amor a Deus está en como se ama aos que temos á beira: “Non teñades unha mirada indiferente, mirade o corazón das persoas como Deus mira o corazón de cada un de vós”.
Na Eucaristía, cantada polo Coro O Candil, mons. Prieto estivo acompañado polo párroco José García Gondar, por Jesús Antelo Quintáns, Manuel Mallo Romarís e polo diácono José Antonio Silvoso.
Ao finalizar a celebración, o prelado compostelán visitou aos usuarios da “Casa de Acollida Santiago de Sísamo” situada preto da igrexa, así como os traballos que se realizan na horta solidaria, coordinados por Ramón e Carmen.