Mons. Prieto asiste en Madrid á Permanente da Conferencia Episcopal Española

O arcebispo de Santiago, monseñor Francisco Prieto, asistirá hoxe e mañá mércores á reunión que a Comisión Permanente da Conferencia Episcopal Española (CEE) celebrará na sede da CEE, na rúa Añastro.
Os bispos da Comisión Permanente van estudar distintos documentos. A Subcomisión Episcopal para as Migracións e a Mobilidade humana vai presentar a “Exhortación pastoral sobre a identidade e marco da Pastoral con migrantes”; as Comisións Episcopais para as Comunicacións Sociais e para a Liturxia, presentan conxuntamente un borrador de documento sobre as retransmisións de celebracións litúrxicas; e o Consello Episcopal para os Asuntos Xurídicos, un borrador de Regulamento do órgano de cumprimento normativo (compliance).

Información das Comisións Episcopais sobre próximos eventos e as súas actividades

As Comisións Episcopais que están a organizar eventos xa programados, van informar á Permanente sobre os seus preparativos. A Comisión Episcopal para a Educación e Cultura, sobre o Congreso 2024 “A Igrexa na Educación: presenza e compromiso”; a Comisión Episcopal para os Laicos, Familia e Vida, sobre o Encontro nacional de laicos sobre o Primeiro Anuncio; e o Servizo de Pastoral Vocacional, sobre o Congreso nacional de Vocacións.

A Permanente tamén dedicará un tempo para que os presidentes das Comisións comuniquen as súas actividades e proxectos. A Comisión Episcopal para os Laicos, Familia e Vida fará un balance da participación española na Xornada Mundial da Mocidade. Tamén vai informar sobre a posta en marcha dun Proxecto marco de Pastoral de Mocidade. Pola súa banda, a Comisión Episcopal para a Liturxia explicará como van os preparativos do Congreso Eucarístico Internacional de Quito (2024), tras a súa participación, do 11 ao 15 de setembro, na Asemblea preparatoria deste Congreso.

Otros temas da orde do día da Comisión Permanente

Os bispos van dialogar sobre o Instrumentum Laboris do Sínodo dos Bispos en vésperas da súa apertura en Roma, o 4 de outubro. A orde do día tamén inclúe a aprobación do temario da Asemblea Plenaria que terá lugar do 20 ao 24 de novembro.

Como é habitual, recibirán información sobre o estado actual de Ábsida (TRECE e COPE) e trataranse distintos temas de seguimento e económicos; ademais do capítulo de nomeamentos.