Mons. Prieto: “O Bo e Belo Pastor é aquel que entrega o que é, a alma”

  • O arcebispo de Santiago, mons. Francisco Prieto, presidiu a ordenación sacerdotal de José Antonio Conde Silvoso

“Só cando o Señor está no centro das nosas vidas, como sacerdotes, como cristiáns, como discípulos, entón recoñecémolo como o Bo e Belo Pastor, recoñecémolo como o único mestre”, indicou o arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco Prieto Fernández, a José Antonio Conde Silvoso que hoxe domingo, coincidindo coa Xornada Mundial de Oración polas Vocacións e Xornada de Vocacións Nativas, recibiu as ordes sagradas na Catedral.

Monseñor Prieto presidiu esta cerimonia, na que tamén estivo presente o arcebispo emérito de Santiago, monseñor Julián Barrio, así como os reitores e formadores dos Seminarios Maior e Menor, Vigairos, membros do Cabido catedralicio, sacerdotes, membros de Vida Consagrada e laicos.

Mons. Prieto destacou dous aspectos importantes do texto do Evanxeo referidos ao “Bo Pastor que dá a vida polas ovellas”, evocando as palabras gregas “kalós” (beleza) e “psyjé” (alma): “É a beleza que ao mesmo tempo é bondade e verdade. É a beleza do rostro de Dios que se mostra neste pastor misericordioso. É a beleza desconcertante de que este Cristo é o Crucificado e tamén o Resucitado. É a beleza daquel que é o Fillo de Deus eterno nado home entre nós. É a beleza daquel que, desposuíndose, deu todo para mostrar que a beleza do amor é sempre aquel que dá a vida polos seus amigos”.  E esta beleza é a que o arcebispo pediu para José Antonio neste día no que vai recibir de mans da Igrexa pola imposición de mans o don do Ministerio.

Mons. Prieto tamén lle dixo ao novo sacerdote que confíe na súa vida esta bondade, verdade e beleza, e que na mesa da súa vida senten os pobres, sen excluír a ninguén, sendo Cristo sempre o convidado: “Vive así a riqueza de ser parte deste presbiterio, descubra así a riqueza de ser parte desta Igrexa diocesana, que fuches coñecendo durante este tempo, extensa, diversa, fermosa grande e é aí onde estás chamado”

Neste sentido, o prelado de Compostela indicou que os sacerdotes son sementadores, non recolectores: “porque a fecundidade é obra do Espírito, non é nosa”. Exhortou a Conde Silvoso con estas palabras: “Nunca deixes o talento escondido, nunca te gardes nada para ti, nunca penses que o fracaso é obra túa, é a fraxilidade das nosas vidas. A fecundidade no teu ministerio asomará da maneira máis inesperada e máis insospeitada”.

Mons. Prieto deu as grazas a todos os que axudaron a José Antonio no seu camiño ao sacerdocio, convidando os diocesanos a sentir e descubrir que forman parte dunha gran familia: “nesta diversidade de dons de carismas, que fermoso é descubrir que todos somos como as teselas dun mosaico, que cando estamos todos en todos, o mosaico toma sentido, pero cando unha falta, unha caeu, non está completa a familia”.

Terminou a súa homilía pedindo aos diocesanos polos sacerdotes: “orade polos vosos-os nosos sacerdotes, acompañádeos, sede con eles tamén como pastores que acompañades ao pastor”. E engadiu o arcebispo: “hoxe esta Igrexa de Santiago alégrase enormemente contigo, José Antonio, porque cada sacerdote é un agasallo que Deus nos fai. Cada vocación, os meus queridos seminaristas é un fermoso tesouro que teremos que entre todos coidar e axudarvos a coidalo”.

Unha vez acabada a homilía tivo lugar a promesa do elixido. O candidato ao presbiterado, diante do arcebispo, expresou a súa vontade de recibir o ministerio sacerdotal, desempeñándoo a través da predicación do Evanxeo e a celebración dos sacramentos da Eucaristía e a Reconciliación.  A continuación, e tras permanecer prostrado no chan para o canto das Ladaíñas dos Santos, ao candidato, pola imposición das mans do arcebispo e a pregaria de ordenación, conferíuselle o don do Espírito Santo para a súa función presbiteral.

Finalmente, unxíronselle as mans co sagrado crisma, concluíndo o rito de ordenación coa entrega do cáliz e a patena.