Monseñor Barrio agradece o traballo dos periodistas e pide colaborar á construción dunha sociedade xusta, solidaria e fraterna

O día 24 de xaneiro a Igrexa celebra a festividade de san Francisco de Sales, patrón dos periodistas e escritores católicos. Nesta xornada, os profesionais da comunicación quixeron honrar a súa figura cunha Eucaristía na Catedral de Santiago na que a presidenta da Asociación de Xornalistas de Galicia (APG), María Méndez, presentou a tradicional ofrenda ao Apóstolo.

Esta foi acollida polo arcebispo de Santiago mons. Julián Barrio que na súa homilía respondeu á oferente e aos presentes convidando a deixarse guiar pola luz da Palabra de Deus.

Nas súas palabras, o prelado lembrou aos xornalistas que no seu peregrinar van “deixando as pegadas do pensamento e da palabra neste fenómeno cultural global, comprometidos en transmitir a verdade, con amabilidade, finura de espírito, respecto e cordialidade”. E engadiu que a súa misión é un servizo á verdade, ofrecendo á sociedade todos os elementos que a axuden a comprender a realidade: “Sodes oleiros da palabra que nacedes nun río propio e desembocades no mar da humanidade. E isto esixe profesionalidade e responsabilidade que garanten a obxectividade, o pluralismo e a liberdade, valores que avalan o xornalismo como servizo á sociedade”.

Mons. Barrio destacou tamén o núcleo da ética profesional dun xornalista: “O que considera verdadeiro o que é falso non é libre; o que afirma o falso, manténdoo como verdadeiro, non é leal: e pódese faltar ao respecto á verdade tanto dicindo positivamente o que é falso, como dicindo só unha parte da verdade, calando intencionadamente a outra”.

Neste sentido, o prelado compostelán afirmou que “a liberdade é o gran desafío que a comunicación social debe afrontar sempre para conquistar espazos de suficiente autonomía e poder iluminar sempre, non sementar a confusión e evitar o que poida ser ditado polo desexo de seguir modas culturais que manipulan a condición do home”.

O arcebispo terminou a súa homilía con estas palabras: “A noticia e a información non se venden como unha mercadoría como tampouco se vende o ben común. A vosa profesión, sempre sacrificada, é para e pola comunidade. Que Santa María, portadora de alegría á súa curmá Sabela, san Francisco de Sales e o Apóstolo Santiago, amigo e testemuña do Señor, acompáñenvos a vós e ás vosas familias co seu patrocinio”.