Monseñor Barrio aos mozos: “A Confirmación convértete en alguén único e non nun produto en serie, faiche testemuña e non un maniquí”

  • O arcebispo presidiu este sábado na Catedral a cerimonia de confirmación dunha trintena de mozas na Vixilia de Pentecoste

“Vós se viñestes a confirmarvos, é porque vos preguntastes sobre Deus e queredes responder positivamente. A confirmación é un sacramento que reaviva a túa condición de fillo da Igrexa, non dun membro dun club; convértete en alguén único e non en produto en serie; faiche testemuña e non un maniquí. Compromete a túa vida, facendo que o Espírito de Deus sexa o teu, e que sigas moi de preto a Xesús”. Así se dirixía hoxe o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, na súa homilía á trintena de mozas ás que confirmou na Vixilia de Pentecoste na Catedral de Santiago. O acto litúrxico levouse a cabo coas medidas de distancia social e seguridade sanitaria previstas nos protocolos de prevención do Covid19. “Son mozas que proceden de distintas parroquias, do Seminario Menor, de Pastoral Xuvenil ou do convento das Beneditinas”, explicara onte o Prefecto de Cerimonias, Elisardo Temperán, encargado do desenvolvemento da cerimonia.

Nunha homilía chea de alusións á realidade que viven os mozos, monseñor Barrio felicitou cordialmente “ás que ían recibir o sacramento da Confirmación. A miña alegría compartida cos pais, padriños, catequistas e todos os que vos reunistes aquí para invocar o Espírito Santo nesta Vixilia de Pentecoste”. E díxolles ás confirmandas que “nos presentamos #ante Deus tal como cada un é, coas dúbidas e medos, as esperanzas e preocupacións, os gozos e as tristezas. Vivides nun momento cheo de incógnitas, onde todo parece posible e imposible ao mesmo tempo”.

Dirixíndose a elas, o arcebispo engadiu: “Ben sabedes, queridas confirmandas, que hai mozos que din estar de volta sen ter ido, que pasan de Deus. Para moitos é incompatible ser crente e sobre todo practicante, e ser unha persoa normal. Así se comenta: Se vas á Misa, é que estás noutro mundo. Se vas a un grupo para formarte na fe, laváronche o cerebro. Se cres en Deus, es un anticuado. Non che digo nada, se dis que pertences á Igrexa”. Monseñor Barrio animounas a ter confianza no Espírito Santo e asegurou que “a través da santidade dos mozos a Igrexa pode renovar o seu ardor espiritual e o seu vigor apostólico. O bálsamo da santidade xerada pola vida boa de tantos mozos pode curar as feridas da Igrexa e do mundo, devolvéndonos aquela plenitude do amor ao que desde sempre fomos chamados: os mozos santos anímannos a volver ao noso amor primeiro”.

“O Espírito Santo”, comentou monseñor Barrio, “é un don que habemos de acoller. A súa vinda pon en crise a pasividade comodona, as enganosas seguridades, a actitude de suficiencia, e a indiferenza #ante o compromiso vocacional. O Espírito Santo cos seus dons: sabedoría, entendemento, consello, fortaleza, ciencia, piedade e temor de Deus, axúdanos a entender a vida desde a fe. Este Espírito é o que vai conformando a Igrexa nada do costado de Cristo na cruz, abrindo a porta da fe aos xentís”.

Mañá, Domingo de Pentecoste, o arcebispo tamén presidirá a Eucaristía das 12:00 na Catedral, a cuxo termo funcionará o botafumeiro.