- O arcebispo lembra que as persoas afectadas polo senfogarismo gocen dos mesmos dereitos, relacionados coa saúde, o traballo, a vivenda digna e o acceso aos servizos sociais.
- O día central da Campaña será o 30 de outubro, apostando absolutamente polas persoas sen fogar e mirando os seus dereitos fundamentais de maneira global.
O vindeiro domingo 30 de outubro será o Día das Persoas sen Fogar, enmarcado na Campaña Ninguén Sen Fogar, que acentúa as reivindicacións nesta frase: “Fóra de cobertura”. Ante esta xornada promovida por Cáritas, o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, sumouse a esta iniciativa cunha Carta Pastoral, insistindo no obxectivo fundamental de que toda persoa viva con dignidade nun fogar propio, de maneira permanente e en paz: “este ano o lema reflicte a realidade sobre a desprotección social e a non realización dos propios dereitos, e convídasenos, individual e colectivamente, a ser unha sociedade inclusiva que xere espazos de comunidade. Estar fóra de cobertura sempre xera incerteza. Así o percibimos, por exemplo, ao falar por teléfono cando unha voz anónima advirte desta circunstancia”.
Mons. Barrio destaca que “Cáritas, como entidade da Igrexa católica, hai 30 anos puxo en marcha esta iniciativa solidaria contando coa colaboración doutras plataformas que traballan no campo do social, para tratar de conseguir que toda persoa viva con dignidade nun fogar propio, en paz e de maneira permanente”.
As entidades caritativo-sociais que traballan con estas persoas, denuncian as dificultades permanentes que afrontan estes colectivos que viven na rúa, agravadas aínda máis durante a pandemia.
O arcebispo de Santiago afirma que “un ano máis a Campaña proponnos que “Digamos Basta. Ninguén sen Fogar”, para que os miles de persoas afectadas polo senfogarismo gocen dos mesmos dereitos, relacionados coa saúde, o traballo, a vivenda digna e o acceso aos servizos sociais. En unidade, en comuñón, debemos insistir na reivindicación dos seus dereitos e contribuír coas nosas achegas e axudas a transformar esa realidade”. E engade que “a pandemia supuxo o agravamento de situacións de miles de persoas que se atopaban na rúa, nunha vivenda insegura ou inadecuada ou que foron obxecto dos aloxamentos precarios”.
Mons. Julián Barrio pide a todos “concienciarnos das necesidades e reivindicacións das persoas que precisan ademais do noso apoio, o das institucións e administracións que teñen competencias para solucionar este grave problema que afecta a miles de persoas que dormen na rúa ou en lugares pouco adecuados ou insalubres”.