-
. O arzobispo indica nunha carta ante a V Xornada Mundial dos Pobres que é preciso “vivir a fraternidade, a solidariedade e a amizade cos máis desfavorecidos”
“A pandemia puxo de relevo diferentes formas de pobreza. Fainos recordar as palabras de san Xoán XXIII: “Velaquí a hora dos pobres, dos millóns de pobres que existen no mundo, é a hora do misterio da Igrexa, nai dos pobres, é a hora do misterio de Cristo sobre todo no pobre”. Sen dúbida, moitas persoas sensibles a esta realidade están desvivíndose polos pobres”. Así se expresa o arzobispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, na Carta Pastoral que dirixe aos diocesanos con ocasión da V Xornada Mundial dos Pobres, que se desenvolverá este domingo día 14 de novembro baixo o lema “Os pobres terédelos sempre convosco” (Mc 14, 7), seguindo a mensaxe do papa Francisco. Na súa carta, monseñor Barrio indica que “ante os dramas das persoas e das súas miserias a resposta é vivir a fraternidad, a solidariedade e a amizade cos máis desfavorecidos. Están prohibidos o desprezo e a indiferenza”.
Como se sabe, a Xornada Mundial dos Pobres responde a unha iniciativa do papa Francisco, quen tivo a idea de impulsar esta Xornada o 13 de novembro de 2016, durante o peche do Ano da Misericordia e cando na Basílica de San Pedro o Santo Pai celebraba o Jubileo dedicado ás persoas marxinadas. Ao finalizar a homilía, e de xeito espontáneo, Francisco expresou o seu desexo de que “quixese que hoxe fose a Xornada dos Pobres”.
Nesta liña, o arzobispo compostelano aboga por ter unha relación persoal cos pobres, máis aló do simple asistencialismo: “O noso compromiso”, indica monseñor Barrio, “non consiste exclusivamente en accións ou en programas de promoción e asistencia; o que o Espírito mobiliza non é un desborde activista, senón ante todo unha atención posta no outro considerándoo como un consigo. Esta atención amante é o inicio dunha verdadeira preocupación pola súa persoa, a partir da cal desexo buscar efectivamente o seu ben”.
Así, monseñor Barrio sinala que se nos chama a compartir con eles máis aló da esmola puntual e ocasional. Na actualidade, atopamos a moitos homes e mulleres, mocidade e nenos que non só axudan senón que comparten cos pobres nas distintas e novas formas de pobreza. A xenerosidade da que moitas persoas dan testemuño, unida a proxectos de promoción humana, está achegando e achegará unha contribución moi importante nestas circunstancias”.
En Roma, o domingo 14 de novembro, ás 10:00 horas, o Papa presidirá a celebración da Santa Eucaristía na Basílica de San Pedro, coa participación de 2.000 persoas pobres, en cumprimento da normativa sanitaria, asistidas polas distintas Asociacións de Voluntariado presentes no territorio de Roma. As lecturas e a oración dos fieis serán proclamadas por algúns pobres. Ao final da celebración distribuirase comida quente a todos os participantes.
Pola súa banda, a Conferencia Episcopal Española (CEE) dinos que esta xornada “é unha nova oportunidade para tomar conciencia sobre sobre cal é o nivel de participación dos que habitualmente son menos tidos en conta nos espazos de reflexión, toma de decisións e celebración. Con ese obxectivo, os promotores da Xornada propoñen, por exemplo, un encontro cordial coas persoas excluídas “para escoitalas e coñecer mellor o seu sentir, para descubrir que nos pode ofrecer persoal e comunitariamente esa persoa, familia ou grupo que recibimos desde a súa falta de recursos, desde a súa fraxilidade”.