Monseñor Barrio bendice as novas instalaciones de OMP e preside o lanzamento da campaña do Domund

  • No seu pregón, o bispo auxiliar indica que “é ousado falar de Deus, pero ao mesmo tempo non podemos calar acerca del”O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, bendiciu esta tarde as novas instalacións en Compostela de Obras Misionais Pontificias (OMP), un acto no que estivo acompañado polo seu bispo auxiliar, monseñor Francisco José Prieto, o director nacional de OMP, José María Calderón, e o responsable de Misións da Arquidiocese, David Álvarez, e outros delegados diocesanos. A reapertura destas instalacións permitirá poñer este remozado espazo a disposición de todas as delegacións galegas de Misións, tal e como explicou David Álvarez. A inauguración era o primeiro acto do lanzamento da Campaña do Domund 2021, que tivo a súa continuidade coa celebración dunha Misa de envío na catedral, presidida polo arzobispo e co Pregón do Domund, que correu a cargo do auxiliar. Todo iso fíxose coincidir coa festa de Santa Tareixa de Lisieux, carmelita, doutora da Igrexa e patroa das misións. No seu pregón, monseñor Prieto resaltou que “é ousado falar de Deus, pero ao mesmo tempo non podemos calar no tocante a el, porque é Palabra que produce vertixe e misterio”.

    A ela, á santa patroa das misións, dedicou o arzobispo a súau homilía na Eucaristía de envío: “Na súa vida percíbese a forza contemplativa nas ocupacións do día, nas humildes realidades da vida, no rozamento difícil e amoroso da convivencia, na caridade fraternal cotiá. Non se pode confundir a infancia espiritual co infantilismo e a humildade do pequeno co vulgar. É fermoso ser pequenos ante Deus, incluso ser imperfectos, e paradoxalmente ser pecadores porque deste xeito resplandece mellor a misericordia amorosa do Pai”, dixo monseñor Barrio.

     

O arcebispo recordou que “na escola do Evanxeo, Santa Tareixiña de Lisieux ensínanos o camiño da madureza cristiá, chámanos a unha infinita xenerosidade e invítanos a ser no corazón da Igrexa discípulos e testemuñas ardentes de Cristo. O seu testemuño de vida é a expresión luminosa do seu coñecemento de Cristo e da súa experiencia persoal da graza”. E á santa Tareixiña do Neno Xesús encomendou monseñor Barrio “as inquietudes de tantos misioneiros e misioneiras que están comunicando o que viron e oíron coa súa sinxeleza de vida”.

Celebrar o Domund, no ADN do cristián

Ao remate da Misa, o misioneiro comboniano Daniel Cerezo, falou sobre a súa experiencia misioneira en Asia e tras unha intervención musical o bispo auxiliar, monseñor Francisco José Prieto, pronunciou o Pregón do Domund 2021, Xornada Mundial das Misións. Na súa intervención indicou que “necesitamos ser cristiáns en serio e non en serie. Falar do que debe abundar no corazón: de Deus non podemos calar, se deixamos que Deus fale en nós. En primeiro lugar debémolo escoitar, acoller, entrañar na nosa propia vida: ser testemuñas/rostro non é cuestión de cátedras nin de cursiños, senón de crer, de ter experiencia do Deus misericordioso. Deixarnos transformar individual e comunitariamente por esta experiencia e sentir a urxencia de comunicala e de transmitila pertence ao «código xenético» da fe cristiá: “Asegúroche que nós falamos do que sabemos e damos testemuño do que vimos” (Xesús a Nicodemo, Xn 3,11). Celebrar o DOMUND, ser misión está no ADN do discípulo de Cristo”.

Monseñor Prieto comentou, ademais, que “debemos xerar, promover, soster “oasis de misericordia” na nosa Igrexa, nas nosas comunidades, na nosa sociedade porque o amor nunca abandona o home, esixe continuidade e fidelidade. Non se trata de coleccionar emocións, senón de asumir compromisos”.

“Como cristiáns”, engadiu, o obispo auxiliar, “como peregrinos temos un longo camiño que se nos abre, un reto que se nos brinda. e, sobre todo, o convencimento de que temos algo valioso que ofrecer”.