Monseñor Barrio convida os diocesanos a tomar impulso na vivencia do Ano Santo Compostelán

  • O plan pastoral anima a recuperar a presencialidade nas eucaristías dominicais e a traballar en rede e con espírito de sinodalidade.

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, presidiu hoxe venres un encontro na Casa Diocesana de Exercicios no que vigairos territoriais, arciprestes e delegados diocesanos analizaron a proposta de plan pastoral para o curso que se inicia. O arcebispo, tras o rezo da Hora Intermedia e unha oración por Víctor Maroño, vigairo xeral da Arquidiocese recentemente falecido, convidou os diocesanos a tomar un novo impulso na vivencia do Ano Santo e o testemuño da fe. “Neste ano Santo”, dixo, “debemos adoptar unha actitude de conversión” á que se nos convida desde a luz do “rostro que quere revelarse”, que non é senón Cristo Resucitado. Monseñor Barrio lembrou a dureza dos tempos vividos pola pandemia, que supuxo “un baño de realidade, sen analxésicos” e asegurou que “non podemos ignorar o sufrimento de tantas persoas”, á vez que pediu que “nos asente a fe rexa”, como froito evanxélico.

Na reunión, o bispo auxiliar, monseñor Francisco José Prieto, presentou as liñas esenciais da proposta de plan pastoral para 2021/2022. Estas pasan, a modo de resumo, por vivir o Ano Santo Compostelán e reiniciar e recuperar a vida pastoral e comunitaria en todos os niveis. No lema elixido, “Pola túa palabra botarei as redes”, recóllense os elementos clave deste programa: volver á vida nas parroquias; facelo con esperanza e confianza; recoñecer a importancia da apostolicidade que se singulariza no Ano Santo; e traballar en rede e en comuñón, na liña da sinodalidade trazada polo Santo Padre.

Precisamente, o arcebispo indicaba que tras recuperar certa normalidade post pandemia, o feito de ser “colaboradores da misión de Cristo” interpela a todos os diocesanos a “facer máis decididos os nosos pasos”. Monseñor Barrio indicou que “a fe compromete todo o noso ser” e debe espertar “todas as nosas enerxías”. D. Julián engadiu, tamén, que a fe “nos empuxa á aventura máis arriscada da vida” pois busca o dar froito “onde estea cada un”.

“Crer en Deus”, resumiu o arcebispo, “é comprometerse coa súa iniciativa”.

Nesta proposta de plan pastoral que hoxe se abordou no encontro da Casa de Exercicios indicábanse varios puntos concretos nos que traballar. Entre eles, a promoción do Ano Santo nas parroquias, arciprestados ou zonas pastorais; retomar a actividade da Escola de Axentes de Pastoral (EDAP); ou avivar a celebración dominical ao redor da Eucaristía, recuperando a presencialidade nas accións litúrxicas.

Tamén se alude a favorecer a celebración do Ano Santo para aqueles colectivos que, como conventos de clausura, residencias de anciáns ou de persoas discapacitadas ou prisións, non poden peregrinar ata a Catedral. Nesta proposta ofrécese a peregrinación da imaxe- relicario de Santiago, cuxo percorrido pola diocese viuse interrompido pola pandemia.

O bispo auxiliar lembrou, ademais, a dimensión fundamentalmente espiritual do Ano Santo Compostelán, animando a fomentar as peregrinacións diocesanas ao sepulcro do Apóstolo. Por outra banda, monseñor Prieto explicou que todo iso ha de conducir a suscitar unha creatividade da caridade, que responda ás novas situacións de vulnerabilidade e fraxilidade como consecuencia da pandemia, que poderían concretarse na promoción dunha obra social- caritativo a nivel diocesano como froito e compromiso do Ano Santo Compostelán.