Monseñor Barrio destaca a importancia dos laicos na actuación da Igrexa e convídaos a asumir responsabilidades

  • Carta Pastoral do arcebispo no Día da Acción Católica e Apostolado Seglar, co lema “Os soños constrúense xuntos”

Nunha Carta Pastoral de monseñor Julián Barrio, dedicada ao Día da Acción Católica e Apostolado Seglar, que se celebrará na solemnidade de Pentecoste, o arcebispo de Santiago lembra o recente Congreso Nacional de Laicos e o Sínodo Diocesano. Neste sentido indica que “necesitamos abrirnos á transcendencia e á fraternidade, ao discernimento e á sinodalidade. É posible que non harmonizásemos coñecemento e experiencia de fe, nin prestado atención ás inquietudes das persoas, nin realizado unha revisión precisa da nosa acción pastoral”. O arcebispo engade que “na Igrexa diocesana ha de crecer a conciencia de que o laico ten unha misión eclesial por dereito propio e como consecuencia da súa pertenza á Igrexa. É na historia onde todas as realidades creadas comezan a ser transformadas pola forza do Evanxeo”.

A carta do arcebispo de Compostela constitúe un recoñecemento á tarefa dos laicos e, á vez, unha chamada á súa responsabilidade para construír xunto aos pastores unha Igrexa capaz de afrontar os retos do futuro. “Neste momento caracterizado por cambios imprevisibles que están a afectar á Igrexa”, afirma monseñor Barrio, no que “non ignoramos que se está producindo unha ruptura na transmisión xeracional da fe nas nosas comunidades cristiás”, é preciso purificar “cada día a nosa fe”, pois, “estamos chamados a edificar a cidade de Deus no medio da cidade dos homes, sendo amables e comprensivos, entregando a vida polos demais como comprobamos tamén durante esta pandemia”.

O arcebispo asegura que “hai que pasar do laico consumidor de actividades eclesiásticas a un laicado corresponsable na misión evanxelizadora da Igrexa, evitando o perigo do clericalismo que leva a funcionalizar o laicado e a diluír a graza bautismal. Neste sentido hai que discernir que lugar ocupa o apostolado seglar nas nosas parroquias, e como impulsar a acción dos laicos naquelas experiencias fundamentais como son a familia, a educación, a cultura, a actividade laboral e a presenza na vida pública”.