O arcebispo, monseñor Julián Barrio, tras inaugurar na mañá deste xoves o IX Congreso de Acollida Cristiá no Camiño, clausurou pola tarde o ciclo de conferencias que con motivo do Ano Santo Compostelán organizou a Arquiconfraría Universal do Apóstolo Santiago. A conferencia, que se celebrou de forma telemática, tivo por título “A linguaxe divina da esperanza no Ano Santo” e puido seguirse a través do enlace difundido na páxina web da Arquiconfraría.
Na súa intervención, monseñor Barrio apelou á esperanza tras vivir e experimentar os sufrimentos provocados pola pandemia. “Esta pandemia”, indicou, “fíxonos máis conscientes da vulnerabilidade das nosas vidas. Non é necesario afondar nos sufrimentos derivados, que para moitos peregrinos se converteron en parte da equipaxe para o camiño”. Fronte a iso, o arcebispo sinalou que “o Ano Santo redescobre a linguaxe do divino e aviva a esperanza que non é un inxenuo optimismo baseado no cálculo de posibilidades e que nos leva a edificar o presente e a proxectar o futuro desde a verdade auténtica do home, desde a liberdade que respecta a verdade e nunca a fere e desde a xustiza para todos comezando polos pobres e débiles, buscando botar raíces no chan firme e estable do sagrado”.
Don Julián asegurou que “o peregrino a Santiago camiña coa Igrexa para ser tocado pola Palabra de Deus e así ser sal, lévedo e luz para os demais. Quere reavivar o seu bautismo e aplicar o oído ao corazón onde somos o que somos. O Pórtico da Gloria recórdalle que veu para o encontro co Resucitado. Seguiu cos seus propios pasos a pegada que deixaron outros, a fe da Igrexa. Chegando a Santiago atópase co alicerce do testemuño apostólico. O final da peregrinación é a Casa do Señor Santiago, pero a meta é a liberdade do corazón, a ditosa liberdade dos fillos de Deus á que o Pai chama. Ao peregrinar os ollos deben estar sempre fixos nesa meta, facendo da peregrinación un camiño de transformación da mente e do corazón”.
“O peregrino”, manifestou o arzobispo, “trata de liberarse de ilusións, quere desfacer os prexuízos do corazón, e desexa ser libre. Peregrina para deixarse atopar por Cristo que vive, percorrendo cos pasos da súa liberdade a conversión que fixo Santiago, o mozo mariñeiro de Galilea” e por iso é importante para o crente recordar o que o papa Francisco indica: “O Papa non nos aprema a un cambio polo cambio. Advírtenos que habemos de levar ben pegada a nós a lámpada do discernimento, para que sexamos fieis ao Evanxeo estando atentos aos signos dos tempos. “Sen a sabedoría do discernimento podemos converternos fácilmente en monicreques a mercé das tendencias do momento”[1]. É verdade, se non nos deixamos guiar por esa luz, expoñerémonos ás mareas, cambiantes e efémeras, das ideoloxías e de estilos pastorais que en lugar de métodos se fan fins en si mesmos”, dixo monseñor Barrio.
E engadiu: “Convertámonos polo Espírito en pedras vivas dunha Igrexa que peregrina cada día grazas á Palabra. Unha Igrexa implicada na realidade concreta e atenta para colaborar entusiasta e sen demora no futuro que Deus xa realizou en Cristo. Desde ese futuro, sexamos fermento, e, á vez, cuestionamento para esta sociedade. Canto máis complexos son os nosos desafíos, son unha oportunidade que non podemos desperdiciar se os afrontamos desde o alicerce de valores que nos deron orixe e desenvolvemento. Hai cantos de serea que incitan a resetear a nosa historia, a nosa cultura e ata a nosa natureza humana desde cero. Con todo, “o home non se crea a si mesmo, é espírito e vontade, pero tamén natureza”[2].
Para o arzobispo, “a esperanza percórrese con sandalias novas”. Trátase dunha esperanza que “non pode nacer da opulencia nin tampouco dunha Igrexa acomodada na autoconservación, orgullosa do prestixio e recoñecemento dos homes. Por iso, as sandalias novas da Igrexa son as da esperanza, porque facilitan o camiñar, e “pisar” aclamacións ou rexeitamentos ao seguir a Xesús, sen desviarnos nin a esquerda nin a dereita da misión do servizo aos homes”.
[1] Francisco, Gaudete et exultate, 167.
[2] Francisco, Laudato si, 6. Neste mesmo senso, xa o Concilio Vaticano II na súa Gaudium et spes, 53: “Sempre que se trata da vida humana, natureza e cultura están na máis íntima conexión”.