Monseñor Barrio invita na festa de Santa Tareixa de Xesús a “deixarnos guiar pola súa doutrina e da súa experiencia de Deus”

  • O arcebispo presidiu senllas Eucaristías no Carmelo de A Coruña e na Igrexa das Carmelitas de Santiago.

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, presidiu hoxe, festa de Santa Tareixa de Xesús, senllas Eucaristías no Carmelo da Coruña e na Igrexa das Carmelitas de Santiago, unha cita que vén sendo habitual na axenda de D. Julián. Nas palabras que dirixiu á comunidade carmelita na súa homilía, o arcebispo destacou o profundo sentido de pertenza á Igrexa de Santa Tareixa e a súa plena confianza no Señor. “En fin, Señor, son filla da Igrexa.  Cantarei eternamente as misericordias do Señor. Xa é tempo de camiñar”, dixo a Santa nos momentos previos á súa morte. É a síntese da súa vida e a súa herdanza fermosa, expresión da súa gran confianza no Señor. Tamén hoxe é tempo de seguir camiñando e facer nosa esa herdanza. Ao celebrar a súa festa litúrgica, deixámonos guiar pola súa doutrina e a súa experiencia de Deus para “percorrer o camiño da perfección e acender en nós o  desexo da verdadeira santidade”, indicou monseñor Barrio.

O arcebispo destacou que “a Igrexa nos ofrece o itinerario da Santa, poñendo ante a nosa consideración o desasimento das cousas do mundo, a pobreza, a consideración axeitada das cousas terreas, e o cumprimento da vontade de Deus. Viviu a fe a través do amor, a harmonía, a alegría, o sufrimento, como actitude evanxelizadora que sempre se dá co testemuño da caridade”.

Monseñor Barrio indicou, ademais, que esta muller excepcional era “de rexo temple e ardente corazón, débil ante o agarimo, invencible cara á adversidade”,  e que “foi deixándose modelar pola forza do Espírito, que vén en axuda da nosa flaqueza, porque nós non sabemos pedir o que nos convén” (Rm 8,26-27)?.

“Ás veces”, recordou igualmente Don Julián, “queremos apagar nosa sede coa auga que pedimos ás criaturas ou buscando desesperadamente a satisfacción nas cousas. Esta auga apaga a sede do corazón só provisionalmente, ata nalgunhas ocasións está tan turbia que pode facer mal á nosa alma. Xesús ofrécenos a auga da súa  Verdade, do seu amor, e da súa amizade. Un amor fiel, unha felicidade que chega ata a vida eterna e que dá sentido a calquera outra alegría lexítima”.

E engadiu que “con Cristo todo o podemos: “Ben vexo eu, meu Señor,  o pouco que podo. Pero chegada a Vos, subida a esa atalaia onde se ven as verdades, non vos apartando Vos de min, todo o poderei”. Quen ten desexo de cousas profundas ou necesidade de respostas decisivas para a propia vida, ha de ter a Cristo na súa vida. É necesario deixar aos seus pés o cántaro de nosas fatigas diarias, anunciando o que vivimos no encontro con El. Coa nosa felicitación ás Madres Carmelitas agradecemos a Deus que nos puxo a Santa Tareixa de Ávila como estímulo e modelo na nosa peregrinación cara á cidadanía dos santos”.