Monseñor Barrio lembra que nada hai verdadeiramente humano que non “atope eco no corazón dunha vida contemplativa”

  • Carta Pastoral do arcebispo para a Xornada Prol Orantibus, que este ano se celebra baixo o lema A vida contemplativa, preto de Deus e da dor do mundo

A Igrexa que peregrina en Santiago de Compostela súmase á celebración da Xornada Prol Orantibus, que este ano levará a cabo baixo o lema “A vida contemplativa, preto de Deus e da dor do mundo”. E faino singularmente coa Carta Pastoral que escribe o arcebispo compostelán, monseñor Julián Barrio, na que lembra que “por vocación, a vida consagrada contemplativa busca a “vida escondida con Cristo en Deus” (Col 3,3) como di San Paulo. Na intimidade, no silencio e na soidade é onde se fragua o profundo, o verdadeiro”. O arcebispo manifesta, á vez, que este compromiso de quen elixiu a vida contemplativa non supón ser alleos ás realidades do mundo. “Nada hai verdadeiramente humano”, explica monseñor Barrio, “que non atope eco no corazón dunha vida verdadeiramente contemplativa”.

Nesta xornada que se celebrará o vindeiro domingo 30 de maio, solemnidade da Santísima Trindade, unha vez pechado o ciclo litúrxico do tempo de Pascua, a Igrexa lembra, a través dos bispos da Comisión Episcopal para a Vida Consagrada, que “este é un ano máis, pero non un ano calquera. Estamos a atravesar unha situación global que trastornou fortemente as nosas vidas”. Por iso, subliñan a importancia da vida contemplativa “que sofre cando o mundo sofre porque o seu apartarse do mundo para buscar a Deus é unha das formas máis belas de achegarse a el a través de El”.

Na súa Carta Pastoral, o arcebispo compostelán indica que “se amamos a Deus, abrazamos ás súas criaturas que son expresión do seu amor. Non se entende unha espiritualidade de ollos abertos que non abrace a creación enteira”, á vez que destaca a solidariedade dos contemplativos coa dor e a debilidade: “O feito de que “a vida consagrada é unha historia de amor apaixonado polo Señor e pola humanidade” conleva que, na vida contemplativa, esa relación “non pode vivirse como repregamento” entre os muros do propio eu ou da propia comunidade, senón que se ha de vivir abrazando a toda a humanidade, “e en especial a aquela que sofre”, di monseñor Barrio.

É a maneira, lembra o arcebispo de Compostela de facer presente ese desexo expresado polo papa Francisco ao pedir “proximidade, proximidade, facernos cargo da realidade dos demais en actitude de profunda comprensión e solidariedade”.

Carta Pastoral de mons. Julián Barrio

 30 de maio: Xornada Pro Orantibus 2021