Monseñor Barrio lembra que o Corpus Christi é unha ocasión para “construír unha sociedade máis xusta e fraterna”

  • O vindeiro domingo 6 de xuño celebrarase esta tradicional solemnidade que honra o misterio eucarístico e o compromiso da caridade

O vindeiro domingo día 6 de xuño, Día do Corpus Christi, a Igrexa celebra o Día da Caridade, coincidencia de datas que, segundo lembra o arcebispo compostelán, monseñor Julián Barrio, a Igrexa ve “como chamada a estar pendentes dos demais, sobre todo dos máis pobres e necesitados material e espiritualmente. Como pobo que peregrina cara a Deus, a acción caritativa ha de realizarse na Igrexa, coa Igrexa e ao servizo da Igrexa”. Na Carta Pastoral escrita con este motivo polo arcebispo de Santiago indícase que o misterio eucarístico do Corpus Christi é para os cristiáns unha ocasión para testemuñar a caridade “coa nosa actitude ao servizo dos últimos co obxectivo de construír unha sociedade máis xusta e fraterna. Esta necesidade estamos a percibila de maneira especial nas consecuencias desta pandemia que está a visibilizar duramente a nosa vulnerabilidade. Os crentes en Cristo “sofren cos que sofren”.

Neste Día da Caridade, tal e como explica monseñor Julián Barrio, ao reflexionar sobre a presenza real de Cristo na Eucaristía, os cristiáns deberían de reflexionar sobre o seu compromiso cos máis necesitados: “A solemnidade do Corpus Christi fundamenta a misión evanxelizadora nunha sociedade secularizada. A preocupación é buscar unha renovación tanto exterior como interior da comunidade cristiá. A crise de fe leva a preguntar cantos cren que Xesús está real e verdadeiramente presente na Eucaristía. Con frecuencia tratamos de arrombar a fachada sen darnos conta que os alicerces se están rachando, o que se manifesta no proceso de descristianización”, indica o arcebispo.
Tras lembrar que o “amor de Deus e o amor ao próximo son inseparables”, o arcebispo agradece a todos os diocesanos “a vosa xenerosa colaboración económica con Cáritas para axudar os necesitados”.

O arcebispo presidirá o domingo día 6 de xuño a celebración do Corpus Christi ás 19:30 horas na Catedral, cunha posterior procesión no interior do templo, tras a cal procederá á Bendición co Santísimo Sacramento.