Monseñor Barrio pide ser capaces de poñer as persoas no corazón para facer fronte ao desemprego

  • Carta do arcebispo con motivo da XXVII Xornada Interparroquial de solidariedade cos Parados
  • Nunha carta con motivo da XXVII Xornada Interparroquial de solidariedade cos Parados, que se celebrará nos próximos días do mes de maio, o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, afirma que “se o traballo dignifica á persoa, habemos de concluír que a súa perda contribúe á deterioración da mesma na realización persoal”. O arcebispo indica que non é “fácil a solución a este problema pero certamente estariamos no camiño de atopala se fósemos capaces de poñer as persoas no corazón, buscando que non prevalezan os propios intereses que non toman en conciencia o ben común”.
  • No texto, o arcebispo sinala que “a liberdade humana desenvólvese e madura ao abrigo da austeridade responsable e tamén do sacrificio polos demais, tratando de construír a cultura do coidado común”. E engade que “o coidado polos demais aviva a nosa intelixencia e todas as nosas capacidades para reconstruír as nosas sociedades e novas relacións económicas que non hipotequen o desenvolvemento”.
  • Finalmente, monseñor Barrio mostra a súa solidariedade con quen atravesa por tan dura situación: “comparto os sentimentos de tantas familias cuxos membros están en paro e rezo por elas”.
  • A XXXVII Xornada de Solidariedade cos Parados, que organiza Cáritas Interparroquial de Santiago, na presente edición o seu día central será o 3 de maio, e terá como lema central a Campaña polo Traballo Decente. Ao longo dos días nos que se vai desenvolver un amplo programa de actividades incidirase, demandarase e reivindicará un traballo decente para todos , e en tal sentido farase especial fincapé nos empregos máis precarios.
  • Entre os diversos actos programados para a semana previa destaca o da participación dos voluntarios da entidade nas misas do domingo, nas que se fará referencia ao tema dos parados e a precariedade nos postos de traballo. O martes 3 de maio, a partir das 19:00 horas, celebrarase na Praza do Toural de Santiago, un acto de solidariedade cos parados no que se dará lectura ao manifesto da Campaña polo Traballo Decente.