Monseñor Barrio preside a celebración de San Martiño e lembra que o santo foi un home "austero, sacrificado, contemplativo e peregrino do Absoluto"

  • A Eucaristía celebrouse na Capela do Seminario Maior e contou coa presenza do bispo auxiliar, o reitor, formadores e seminaristas
O Seminario Maior de Santiago de Compostela celebrou hoxe, día 11 de novembro, a festividade de San Martiño de Tours, patrón da institución formativa e educativa. O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, presidiu a Eucaristía Capela do Seminario Maior. “San Martiño”, dixo don Julián na súa homilía, “manifestou alma de pastor ofrecendo a súa vida polas ovellas, non exercendo o poder sobre elas como un funcionario, ríxido e observador do propio horario de traballo e celoso custodio da súa privacidade, e conmovéndose co corazón e coa mente ante a situación de dispersión que vivían. Foi construíndo a convivencia sen ceder ás esixencias acomodaticias do momento”.
Monseñor Barrio engadiu que San Martiño foi un home admirado pola súa sabedoría e amado pola súa bondade: “Austero, sacrificado, contemplativo e peregrino do Absoluto, forma parte da memoria espiritual da Europa cristiá, como testemuño da liberdade da fe. Evanxelizou loitando contra a terxiversación da mensaxe cristiá, a idolatría, as supersticiones, a miseria humana e as manifestacións do mal. O silencio do mosteiro que favoreceu o seu diálogo con Deus, convértese máis tarde en poderosa palabra evanxelizadora da cultura que é o modo de expresar a visión cristiá do home, pois o corazón de cada cultura está constituído polo seu achegamento ao máis grande dos misterios, o misterio de Deus”.
A festividade de San Martiño de Tours reuniu a toda a comunidade de seminaristas do Seminario Maior, con Carlos Álvarez, o reitor, á cabeza; así como a boa parte dos integrantes das comunidades educativas diocesanas, tanto o Instituto Teolóxico Compostelán (ITC) como o Instituto Superior Compostelán de Ciencias Relixiosas (ISCCR). Acompañaba a monseñor Barrio o seu bispo auxiliar, monseñor Francisco Prieto.
O arcebispo instou os presentes a non contentarse cunha vida mediocre e cunha relixiosidade superficial: “Se vivimos polo Espírito obremos segundo o Espírito. O home supera infinitamente ao home e non debe quedar reducido a unha variable do mercado, ou a ser un factor totalmente irrelevante nas opcións decisivas. Deus sorpréndenos sempre porque nos dá como graza aquilo que nos pide como misión”.
Mons. Barrio terminou afirmando que “esta festa indícanos que a historia da Igrexa é unha historia de santidade. Esta experiencia de fe lévanos a facer un discernimiento espiritual no noso seguimento de Cristo para prolongar de modo libre e sempre novo a súa vida na nosa historia”.