Monseñor Barrio preside este sábado na Catedral a ordenación episcopal do seu novo bispo auxiliar

O nuncio, monseñor Bernardito Auza, e numerosos prelados estarán presentes na ordenación de Francisco José Prieto Fernández

Este sábado día 10 de abril ás 11:00 horas a Catedral compostelá acollerá a cerimonia de ordenación episcopal do ata o de agora vicario para a Nova Evangelización da Diocese de Ourense, Francisco José Prieto Fernández, como novo bispo auxiliar de Santiago de Compostela. A celebración solemne estará presidida polo arcebispo compostelán, monseñor Julián Barrio, a quen acompañará o nuncio da súa Santidade en España, monseñor Bernardito Auza. Tamén participarán os bispos galegos da Provincia Eclesiástica de Santiago, así como outros prelados procedentes de diversas dioceses españolas.

O pasado día 28 de xaneiro, a Santa Sé fixo público o nomeamento de Francisco José Prieto. Ese mesmo día, a Arquidiocese compostelá mostrou o seu afecto ao novo bispo auxiliar electo, a quen felicitou cordialmente, indicando que “desde agora ofrece as súas oracións para que, baixo o patrocinio do Apóstolo Santiago e a intercesión de María Santísima, poida desenvolver o ministerio episcopal que se lle encomendou”. Días despois, o arcebispo monseñor Julián Barrio e o bispo electo mantiñan en Santiago o seu primeiro encontro de traballo.

Francisco José Prieto Fernández naceu en Ourense o 18 de agosto de 1968. Cursou estudos eclesiásticos no Instituto Teolóxico “Divino Mestre” de Ourense, centro afiliado á Facultade de Teoloxía da Universidade Pontificia de Salamanca (1986-1992) e foi ordenado sacerdote o 26 de xuño de 1993. É licenciado en Teoloxía Patrística pola Facultade de Teoloxía da Universidade Gregoriana de Roma (1992-1994) e doutor en Teoloxía Bíblica pola Facultade de Teoloxía da Universidade Pontificia de Salamanca (2008). Foi vigairo episcopal para a Nova Evangelización desde 2012.

A cerimonia na Catedral de Santiago será transmitida en directo por 13TV, COPE Máis A Coruña, Pontevedra, Vilagarcía e Ourense, así como por Radio María, a partir das 11:00 horas deste sábado día 10 de abril.

Libro Ordenación Episcopal

Curriculum vitae del nuevo obispo auxiliar