Monseñor Barrio presidiu os actos relixiosos cos que se conmemorou o 50 aniversario de Cáritas Parroquial de Noia

  • O arzobispo animou os axentes a seguir traballando “para acompañar e sentirse acompañados”
  • Foron homenaxeadas numerosas persoas, entidades e empresa pola colaboración que prestan á institución

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, presidiu hoxe venres os actos relixiosos cos que se conmemorou o 50 aniversario de Cáritas Parroquial de San Martiño de Noia. O prelado durante a Eucaristía que celebrou na igrexa parroquial lembrou que “Cáritas é acoller o amor de Deus para transmitilo aos demais”. Monseñor Barrio na súa homilía mencionou o traballo desenvolvido polos axentes da institución e animounos a seguir neste labor “tan importante para axudar as persoas máis necesitadas”.

No transcurso da celebración foron homenaxeadas numerosas persoas, entidades e empresa pola colaboración que prestan á institución.

Os actos iniciáronse cunhas palabras de benvida pronunciadas polo párroco e consiliario José Ortoño Fuentes, nas que insistiu sobre o traballo desenvolvido nestas cinco décadas polos numerosos voluntarios e axentes a favor das persoas máis desfavorecidas.

A Evanxelización

Ao comezo da súa intervención o arcebispo de Santiago agradeceu o traballo desenvolvido polas numerosas persoas que colaboran coa institución en Noia “para deste xeito dar esperanza aos que máis o necesitan”.

Monseñor Barrio insistiu en que a Evanxelización “pódese facer tamén a través de Cáritas e debemos facelo para axudar a todo o mundo co noso testemuño”. Para o arcebispo Cáritas significa “acompañar e sentirse acompañado. Deste xeito sentimos e dámonos conta do que poden necesitar os demais”.

En tal sentido   mencionou que “co voso labor transmitides o amor de Deus. Sempre podemos facer máis porque é o amor de Deus o que nos chama a ter amor aos demais”. Finalmente pediu aos axentes: “Saír ao encontro dos demais, porque esa é a vida dos voluntarios para poñerse á beira de tantas persoas que o necesitan”.

Espazo de esperanza

Seguindo coa tradición solidaria de Noia e como consecuencia de que as necesidades de pobreza, marxinación e exclusión social créase no ano 1972 Cáritas de Noia “sendo o brazo social da igrexa na nosa parroquia e co obxectivo de poder chegar ás familias que necesitaban axuda en alimentación, vestiario, vivenda, asistencia social, formación”, sinalou durante a súa intervención Juan Carlos Pèrez Oviedo, director da entidade.

Nas súas primeiras palabras a modo de recordatorio do traballo desenvolvido nas cinco décadas agradeceu o compromiso e a entrega de voluntarios, traballadores, socios, doantes e empresas colaboradoras “que ao longo destes 50 anos axudaron a Cáritas a dar unha resposta solidaria fronte á pobreza. Queremos seguir sendo un espazo de esperanza e oportunidade para moitas persoas”.

Lembrou que ao comezo da década dos anos 60 a vila sufriu unha gran pobreza derivada da postguerra. “Como consecuencia destas grandes necesidades e carencias da poboación”, sinalou, “xurdiu un movemento caritativo na parroquia de San Martiño encabezado polos párrocos Perfecto López Souto e Santiago Fernández García aos que se uniron fregueses da parroquia”.

Cáritas de Noia desde a súa fundación dispuxo de voluntarios “capaces de poder traballar de forma altruísta polos pobres e necesitados da nosa vila. Directores como Gustavo Fernández da Ponte, Jesús García-Malvar e Mariño, Salomé Barreiro Caamaño e José Luis Rodríguez Hermo foron os responsables de dirixir grandes equipos que asistiron nestes 50 anos ás familias máis necesitadas”.

Actividades

Mencionou as actividades que se puxeron en marcha para recadar fondos destacando entre elas a Tómbola da Caridade. Froito desta iniciativa encargáronse embarcacións para mariñeiros pobres e entregáronselle para que puidesen saír a pescar. Nesa época-mencionou- xerouse unha gran actividade de beneficencia, incluíndo axudas ao Asilo de Noia “que vivía da caridade que conseguían as voluntarias a través de todas estas actividades realizadas pola parroquia”.

Finalmente insistiu en “o amor incondicional e gratuíto das xeracións que nos precederon e de cuantos agora sosteñen ese testemuño nesta causa común que é Cáritas para loitar pola xustiza, escoitar, acompañar e acoller. O noso obxectivo é unha Caridade envolta en dignidade”.

Pechou o acto o director de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, José Anuncio Mouriño Rañó que lembrou as palabras pronunciadas polo Francisco con motivo dos 75 anos de Cáritas Española e menciono que “en Cáritas valemos todos para desenvolver o noso labor, o noso traballo a favor dos últimos dela sociedade”.

Seguidamente de procedeu á entrega de máis de medio centenar de distincións concedidas a entidades, institucións, voluntarios, axentes, empresas e medios de comunicación. Na actualidade, Cáritas de Noia conta cun equipo de 24 axentes que traballan nas dimensións oclesial, organizativa, solidaria e de acollida e Acompañamento. Desde o ano 2021 conta cun economato solidario que funciona como un servizo para persoas beneficiarias que forman parte da Unidade Pastoral que agrupa a cinco parroquias :Santa Cristina de Barro, Santa María de Argalo, Santa Mariña do Obre, San Martiño de Noia e San Pedro de Tállara.